Skip to main content

Novo avance na procura de fármacos antitrombóticos

Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da  fosforilación  plaquetaria relacionados coa obesidade. FOTO: Santi Alvite
Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da fosforilación plaquetaria relacionados coa obesidade. FOTO: Santi Alvite
Científicos da USC no CiMUS descobren alteracións da actividade plaquetaria grazas a unha exhaustiva análise en pacientes obesos que podería identificar biomarcadores de risco trombótico
Santiago de Compostela

O impacto da obesidade en eventos  trombóticos é o escenario do novo traballo do Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS). O grupo  Proteómica de Plaquetas do  CiMUS-IDIS, liderado por Ángel García Alonso, en colaboración co de  Obesidómica do IDIS- CIBEROBN, dirixido por María Pardo, e o Servizo de Endocrinoloxía do CHUS, acaba de publicar un estudo sobre a reactividade plaquetaria en pacientes obesos que conduce ao descubrimento de vías de activación alteradas nas plaquetas sanguíneas e que incrementan o risco de  aterotrombose nestes pacientes.

A  aterotrombose é o fenómeno patolóxico polo cal se forma un  trombo sobre unha lesión  arteriosclerótica preexistente e desempeña un papel capital no desenvolvemento e evolución de trastornos cardiovasculares que cursan con  isquemia e que afecta á circulación cerebral, coronaria ou arterial periférica. “Se temos en conta que a obesidade se asocia cun estado  proinflamatorio e  protrombótico que apoia o incremento das graxas nas arterias, atopámonos cunha situación de risco extremo que desencadea múltiples  comorbilidades”, expón o investigador do  CiMUS e autor do estudo, Ángel García Alonso.

O traballo, que acaba de publicarse na revista  Arterioesclerosis,  Thrombosis  and Vascular  Biology (ATVB), realiza unha análise da  fosforilación das proteínas de plaquetas en obesidade severa, que deixa ao descuberto alteracións da reactividade  plaquetaria e das vías de sinalización. A  fosforilación é un dos principais mecanismos de regulación da actividade das proteínas en xeral e das encimas en particular.

Novos biomarcadores  plaquetarios

O obxectivo deste estudo foi obter información sobre os eventos de  fosforilación relacionados coa reactividade  plaquetaria na obesidade e identificar biomarcadores  plaquetarios e vías de activación alteradas nesta afección clínica. Para iso, os investigadores efectuaron “unha análise  fosfoproteómica comparativa das plaquetas en repouso de pacientes obesos e os seus controis delgados  pareados por idade e sexo. Os datos  fosfoproteómicos validáronse mediante ensaios mecánicos, funcionais e  bioquímicos, identificando 220  fosfopéptidos regulados  diferencialmente, de polo menos 175 proteínas”. O estudo incide no feito de que todos eles estaban regulados positivamente na obesidade. De feito, tamén as investigacións revelaron que as plaquetas obesas mostraban máis adhesión ás placas recubertas de  coláxeno.

Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da  fosforilación  plaquetaria relacionados coa obesidade, revelando o impacto desta patoloxía crónica na reactividade  plaquetaria e apuntando cara ás principais vías de sinalización  desreguladas.

Procura de fármacos  antitrombóticos

O estudo publicado agora pola revista ATVB continúa o traballo realizado polo grupo Proteómica de Plaquetas do  CiMUS en colaboración cos servizos de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS, e que permitiu propoñer ao receptor de coláxeno en plaquetas,  Glicoproteína VI (GPVI), como diana terapéutica de interese para o desenvolvemento de novos antitrombóticos. O desenvolvemento de fármacos  inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación, que está a levar a cabo en colaboración co grupo BioFarma (USC- IDIS), e para o que conta con apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e a empresa Bayer.

O desenvolvemento de fármacos  inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación. Imaxe de arquivo
O desenvolvemento de fármacos inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación. Imaxe de arquivo
The contents of this page were updated on 01.18.2021.