Skip to main content

O proxecto europeo MISEL creará novos dispositivos autónomos de visión con Intelixencia Artificial incorporada

Víctor Brea é o coordinador do proxecto en España. FOTO: Andrés Ruiz
Víctor Brea é o coordinador do proxecto en España. FOTO: Andrés Ruiz
A iniciativa coordinada en España polo investigador da USC Víctor Brea enmárcase nun consorcio financiado con preto de cinco millóns de euros pola UE
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) participa como socio no proxecto Multispectral Intelligent Vision System with Embedded Low-Power Neural Computing (MISEL), un novo consorcio europeo financiado ao abeiro do programa de axudas á investigación ‘FET-PROACT – Horizon 2020’, destinadas a apoiar propostas de vangarda que procuran un novo paradigma tecnolóxico. MISEL aspira a permitir que as decisións tomadas polos sistemas intelixentes poidan realizarse sobre os propios dispositivos, sen necesidade de complexos sistemas externos de procesamento ou computación na nube. O proxecto recibiu un financiamento de case cinco millóns de euros, dos cales, 653.000 cubrirán a parte correspondente á USC.

O obxectivo de MISEL é resolver problemas de recoñecemento de obxectos e accións en vídeo, tales como detección de anomalías —vehículos en zonas peonís, drons nas proximidades de aeroportos, animais na calzada...—, ou diferenzas entre paxaros e UAVs, entre outras aplicacións. Os investigadores esperan poder resolver este tipo de problemas a nivel do propio dispositivo, un sistema específico —unha cámara multiespectral— que se deseñará e fabricará no marco deste proxecto.

Tres engrenaxes chave

“Trátase dunha ambiciosa iniciativa fundamentada sobre tres eixos”, explica o investigador da USC Víctor Brea, responsable da achega española ao proxecto. “En primeiro lugar, a nivel de dispositivo, porque imos deseñar e fabricar integramente un modelo específico de cámara multiespectral, con sensores de puntos cuánticos. Ademais, este dispositivo contará tamén con memorias ferroeléctricas de propósito específico para o almacenamento dos datos, creadas igualmente polos socios de MISEL”, sinala Brea.

“O segundo eixo é a circuitería”, prosegue, “cando capturemos as imaxes, procesaremos eses sinais mediante redes neuronais espazo-temporais, como paso previo á toma de decisións”. Neste punto radica outras das singularidades de MISEL xa que “é importante salientar que as nosas cámaras procesarán información pura, porque non traballarán con imaxes convencionais senón con eventos, ou o que é o mesmo: situacións concretas que o sistema extraerá automaticamente”. Brea sinala as vantaxes dos eventos sobre as imaxes convencionais “ao traballar directamente con eventos conseguimos un maior rango dinámico”, isto é, maior capacidade para capturar escenas pouco iluminadas, “e, sobre todo, menos latencia, algo crucial para permitir que o procesado teña lugar a maior velocidade”, argumenta.

Finalmente, a terceira e última parte chave do proxecto é o deseño de redes neuronais espazo-temporais específicas, adaptadas ao pequeno espazo do que dispoñen na cámara multiespectral, cun hardware limitado. “O reto é crear un circuíto integrado de pequeno peso, pequeno tamaño e, sobre todo, baixo consumo de potencia, por baixo dun vatio, para tirar proveito todo o posible da reducida capacidade de cómputo”, conclúe o investigador.

Víctor Brea quixo transmitir, asemade, o seu entusiasmo polo novo proxecto xa que “MISEL é, ao mesmo tempo, unha satisfacción enorme, un reto maiúsculo, e unha oportunidade de crecer tanto a nivel persoal como de grupo de investigación, e iso fai que todo cambie”, afirmou. “Estou especialmente encantado con este proxecto pola oportunidade de traballar con VTT e Kovilta Oy, ambos os dous de Finlandia, onde traballan investigadores cos que teño unha relación de amizade, forxada ao longo de máis de 20 anos de estancias de investigación e congresos internacionais”.

Pola súa banda, Paula López, directora adxunta do CiTIUS e compañeira de Brea no Grupo de Visión Artificial, resaltou a importancia do proxecto para o centro, afirmando que “este proxecto sitúanos nun escenario internacional de máxima relevancia na temática de sistemas intelixentes no bordo, concretamente no deseño de tecnoloxías intelixentes embebidas en sistemas micro e nanoelectrónicos, no que se coñece como Intelixencia Artificial das Cousas’ (AIoT)”.

The contents of this page were updated on 01.26.2021.