Skip to main content

Un estudo de augas residuais de 120 cidades no que participa a USC sitúa a cocaína como droga dominante no suroeste europeo

Imaxe incluída no artigo sobre monitorización e consumo de drogas a través da análise de augas residuais
Imaxe incluída no artigo sobre monitorización e consumo de drogas a través da análise de augas residuais
O grupo de Cromatografía e Quimiometría da USC publican en Addiction un artigo sobre resultados da monitorización do consumo de drogas a través de augas residuais
Lugo, Santiago de Compostela

A análise das augas residuais xeradas por cerca de 60 millóns de persoas de 120 cidades de 37 países (14 en Europa) centra un estudo orientado á avaliación das tendencias espaciais de uso de catro substancias ilegais (anfetamina, metanfetamina, éxtase e cocaína), no que participa a USC. Os resultados destas pescudas confirman as grandes diferenzas que existen no uso de substancias psicoactivas no contexto mundial e, no caso de Europa, aínda que se advirten pautas de consumo diferenciadas, constátase que a cocaína segue a ser a droga dominante nas cidades do suroeste do vello continente (Suíza, Italia, Francia, España ou Reino Unido).

O artigo ‘ Avaliación espazo-termporal do uso ilícito de drogas a gran escala: evidencia de 7 anos e monitoreo internacional de augas residuais’, que vén de publicar este mércores a revista Addiction, e no que participan os investigadores do grupo de Cromatografía e Quimiometría da USC José Benito Quintana, Rosario Rodil, Rosa Montes e Iria González Mariño, achega os resultados das campañas de monitorización de augas residuais durante un período mínimo de sete días desenvolvidas entre 2011 e 2017. A primeira asinante deste artigo, a doutora González Mariño, na actualidade profesora da Universidade de Salamanca, é a investigadora que lidera este traballo, no que tamén participa o profesor da USC José Benito Quintana, coordinador da rede española de análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos ESAR-Net, o ente que agroma os esforzos neste campo en España.

As pescudas de monitorización de augas residuais obxecto deste artigo permitiron a avaliar e analizar desde 2011 a casuística de, entre outras, 26 cidades de 14 países europeos (máis de 19 millóns de persoas), un estudo de amplo espectro que contribuíu a proporcionar datos anuais útiles para discernir patróns temporais de consumo de drogas. De feito, a análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos é unha disciplina científica recente acaída para monitorizar o uso de drogas de abuso a nivel poboacional e en tempo practicamente real. Así, mediante a análise da auga de entrada dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR), e a partir da concentración da propia substancia e/ou dos metabolitos que se excretan por ouriños, pódese estimar a cantidade de droga consumida pola poboación. Esta metodoloxía aplicouse por ver primeira a nivel internacional no 2011 e, desde entón, o grupo internacional de científicos SCORE (Sewage analysis CORe group Europe) realizou análises e recompilou datos dun número crecente de cidades ano tras ano.

A cocaína é a droga dominante nas cidades do Sur e no Oeste de Europa, nos que o seu consumo experimentou un aumento salientable na maior parte das localidades obxecto de análise ás que fai referencia o artigo publicado en Addiction. Dacordo coas conclusións recollidas nesta publicación, os seu autores aprecian en Bélxica e nos Países Baixos un importante consumo de cocaína e anfetamina, unha sustancia cuxa popularidade tamén se incrementou no Norte de Europa. O consumo de metanfetamina, aínda que menor que o das outras catro substancias estimulantes consideradas, é especialmente elevado en países do Leste (Eslovaquia, República Checa e Alemaña do Leste) e está a expandirse cara ao norte e ao centro de Europa. A éxtase, sen chegar a dominar ningún escenario dentro do consumo de substancias de abuso, tamén experimentou un aumento ao longo do período estudado.

A diferenza do que ocorre en Europa, o consumo de metanfetamina é predominante nas cidades monitorizadas en América do Norte (Estados Unidos e Canadá) e na rexión austral e asiática (Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur), con niveis medios que superan con fartura os estimados en Europa do Leste. En América do Sur, a cocaína volve ser a sustancia dominante, especialmente en Colombia e Martinica).

En Santiago de Compostela, unha cidade que participa neste estudo desde os seus inicios en 2011, obsérvase un patrón e unhas tendencias de consumo semellantes ás do resto de España, o que permite ás autoridades locais dispor de información rápida e a nivel local neste campo.

A correspondencia entre os datos de consumo de drogas de abuso derivados da análise de augas residuais e os obtidos mediante outros indicadores epidemiolóxicos establecidos, como as enquisas á poboación ou as estatísticas de comisos, demostran o potencial desta metodoloxía como indicador complementario nas estimacións de consumo de substancias psicoactivas. A análise de augas residuais proporciona resultados a nivel poboacional e case en tempo real, o que permite identificar novas tendencias de abuso cunha celeridade maior que coa que o fan outras metodoloxías tradicionais.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.