Skip to main content

Alumnado ‘STEMbach’ visibiliza o potencial científico e tecnolóxico do Campus de Lugo

Defensa de proxectos de I+D, a cargo de alumnado de STEMbach no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo
Defensa de proxectos de I+D, a cargo de alumnado de STEMbach no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo
Dez estudantes do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes, un dos centros lugueses acollidos en 2019 ao programa de reforzo de vocacións investigadoras promovido ao abeiro da Estratexia Galega de Educación Dixital, desenvolven traballos de I+D baixo a supervisión de docentes da EPS de Enxeñaría e das facultades de Veterinaria e Ciencias
Lugo

A sede universitaria luguesa avanza na súa consolidación como referente científico e tecnolóxico para o alumnado preuniversitario, unha dimensión que tamén cobra cada vez máis forza grazas á visibilidade das potencialidades científicas e tecnolóxicas do Campus de Lugo que reportan as achegas investigadoras realizadas polo alumnado que cursa o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach). Este programa, creado ao abeiro da Estratexia Galega para a Educación Dixital e no que, entre outros, participan docentes e investigadores de diversas facultades e escolas do Campus de Lugo da USC, promove a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica e favorece a conexión directa co ensino universitario a través de sesións lectivas e tamén do desenvolvemento e exposición pública dun traballo ou proxecto realizado conforme ao método científico.

A implicación do Campus de Lugo no STEMbach non é nova e cada ano, desde a súa implantación en 2018, son máis os estudantes de primeiro curso de Bacharelato que optan por cursar unha materia optativa adicional de varias horas semanais, durante as que reciben formación específica sobre investigación, busca de información, redacción de documentos científicos e técnicos... no seu propio centro. Estes contidos son impartidos polo profesorado de ensino medio, que tamén pode contar coa colaboración de docentes universitarios a través de charlas, seminarios... Unha vez rematada esta primeira etapa do STEMbach, os estudantes, xa de forma individual ou agrupados en equipos, seleccionan un dos proxectos que se ofertan desde as universidades e cuxa investigación deben realizar durante o primeiro cuadrimestre do segundo curso de Bacharelato, baixo a supervisión de profesores universitarios e de ensinanza secundaria.

Dez estudantes

Os dez estudantes do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes que comezaron en 2019 a súa particular andaina STEMbach fixeron este martes unha exposición pública das súas respectivas achegas científicas. A temática dos cinco traballos presentados e para cuxa realización tamén contaron coa asistencia de profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), así como das Facultades de Veterinaria e de Ciencias, debuxa unha aproximación sobre as potencialidades científicas e tecnolóxicas que ofrecen as titulacións de grao impartidas no Campus de Lugo da USC, ao tempo que dá conta das potencialidades da sede universitaria luguesa neste ámbito do coñecemento.

Os proxectos científicos achegado nesta convocatoria do STEMbach desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC espertaron gran interese entre o alumnado de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Así, as propostas ‘Construción dunha mesa vibratoria 1D para análise do comportamento de estruturas civís’, coordinada polos profesores Xosé Ramón Fernández Vidal e Carlos Núñez Temes; ‘Patróns matemáticos na natureza. Na procura de patróns’, do tamén profesor na EPSE Miguel A. Vilar Rivas, e ‘Propagación de variedades galegas de arnica montana L. por cultivo in vitro’, de Juan Luis Fernández, centraron a temática de tres dos proxectos de I+D presentados. Os proxectos ‘PCRs e trazabilidade comercial de especies de salmónidos’, impulsado por Jaime Castro Alberto e Belén Gómez Pardo, da Facultade de Veterinaria, e ‘Concentración das proteínas nas leites e bebidas vexetais’, supervisado por Ramiro Barcia Viéitez e Mercedes Novo Rodríguez, completaron as preferencias científicas amosadas polo alumnado participante nesta convocatoria.

The contents of this page were updated on 02.09.2021.