Skip to main content

Análises universitarias con moita arte

Presentación do estudo de 'El Arrepentimiento de San Pedro', de Francisco Collantes
Presentación do estudo de 'El Arrepentimiento de San Pedro', de Francisco Collantes
A Unidade de Arqueometría da USC e o ‘Rof Codina’ colaboran co Museo de Belas Artes da Coruña e outras entidades na promoción de investigacións en eidos artísticos
Lugo, Santiago de Compostela

As aplicacións técnicas e os avances tecnolóxicos son ferramentas ao servizo da ciencia, pero contan tamén cunha silenciada dimensión artística que rara vez acada a visibilidade que merece no marco das tarefas de I+d+i desenvolvidas na escena universitaria. Exemplo da versatilidade destas pescudas e labor analítico é a mostra ‘Pinceladas ocultas’, unha exposición que permanecerá aberta ata mediados de decembro no Museo de Belas Artes da Coruña e na que se dá a coñecer ao público os segredos agochados no lenzo barroco de Francisco Collantes titulado ‘El arrepentimiento de San Pedro’.

A Unidade de Arqueometría, un centro integrado na Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (Riaidt) da USC que está coordinado por Óscar Lantes, e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina da USC teñen relevancia de seu no estudo desta obra pictórica, un traballo previo á súa restauración e realizado xunto co Museo de Belas Artes da Coruña que se traduciu nunha publicación científica na revista especializada en restauración Ge-Conservación.

O traballo feito con ‘El Arrepentimento de San Pedro’ consistiu na análise dos constituíntes pictóricos e na realización dunha radiografía ao conxunto da peza. As análises orgánicas de pigmentos foron realizadas e interpretadas con Pirólise-Gases-Masas por Joeri Kaal, o que permitiu identificar os vernices utilizados así como o pigmento resinato de cobre, un pigmento moi empregado a nivel histórico tamén denominado verdigrís e que está actualmente degradado, transformando as orixinais cores verdosas a escuros tons pardos. As análises inorgánicas de pigmentos, (realizadas por Óscar Lantes Suárez e Aida González Pazos) con Microscopía Electrónica de Barrido e Fluorescencia de raios X revelaron que as cores azuis eran conseguidas coa aplicación do pigmento “ azul de esmalte”, un vidro realizado con cobalto que unha vez moído e mesturado con aceites secantes constitúe un dos pigmentos azuis de uso predilecto no barroco. As cores marróns de tellados e das ramaxes estaban elaboradas con diversos óxidos de ferro e manganeso. A difracción de raios X, levada a cabo por Inés Fernández Cereijo permitiu identificar a base do cadro elaborada por carbonatos de calcio e xiz.

Estas pescudas tamén posibilitaron a identificación do recubrimento dourado do marco, mostrando que era de pan de ouro “pluma” (ouro, plata e cobre) recuberto en determinadas zonas por purpurinas (escamas de cobre e zinc) aplicadas de seguro en antigas restauracións. O estudo de pigmentos foi resultado dunha publicación na revista Ge-Conservación, no que tamén foi incluído o proceso de restauración da peza (elaborado pola restauradora do Museo, Laura Carrera) e un proceso de documentación sobre a peza (elaborado pola documentalista do museo, Filomena Dorrego e polas historiadoras da arte colaboradoras da Unidade de Arqueometría, Vanesa Mariño e Toña Domínguez).

A radiografía foi realizada por José Daniel Barreiro, profesor asociado de Ciencias da Saúde da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo e responsable das probas de diagnóstico por imaxe realizadas no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. Este hospital veterinario facilita de sempre o uso destas ferramentas analíticas para a análise de cerámicas, madeiras, pezas de museos e para outros usos con fins de investigación e como complemento a súa actividade. Neste caso de estudo, foi sorprendente o achado dunha figura oculta por debaixo do San Pedro, unha figura que os técnicos do Museo de Belas Artes da Coruña identificaron coma un San Xerome, unha figura destacada no eido da igrexa que sobresaíu polo seu labor intelectual como escritor relixioso e tradutor dos textos bíblicos, destacando en especial a tradución da biblia hebrea e grega ao latín, denominada Vulgata.

Outras colaboracións

A Unidade de Arqueometría da Riaidt é un servizo da USC especializado en asesorar a investigadores de humanidades e en analizar pezas arqueolóxicas (cerámica prehistórica, romana, medieval, tradicional, fíbulas romanas; contas de vidro; refugallos de fornos; rochas de dolmens, machados neolíticos…) e bens culturais (esculturas en metal, tallas de madeira, cadros…) con diferentes técnicas analíticas dispoñibles dentro da Riaidt, e por extensión na propia USC ou accesibles como recursos externos. Dende o ano 2011, a través de acordos de colaboración, xestiona os usos -non clínicos- dos recursos tomográficos e radiográficos da USC coma é o caso da tomografía CBCT da Facultade de Odontoloxía e Medicina ou a tomografía computerizada e radiografía do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, o que posibilita poder empregar estas técnicas de modo regulado por parte da comunidade investigadora e tamén por parte de institución externas, centros de investigación e museos.

Estes antecedentes foron o xerme que posibilitou realizar o estudo da obra ‘El Arrepentimiento de San Pedro’, do pintor barroco Francisco Collantes. A colaboración co Museo de Belas Artes e da Unidade de Arqueometría comezou no ano 2016 co obxectivo de dar soporte como peritaxe analítico especializado nas súas coleccións artísticas. Neste tempo foron analizadas este lenzo de Collantes, unha talla de madeira policromada ‘San Bernardo’, o lenzo ‘La Sagrada Familia’, do pintor do renacemento Juan de Juanes, ou a obra ‘Matter Gallaecia’, de Luis Seonane. Os resultados destes estudos conclúen cun extenso informe técnico que é depositado nos fondos dos museos e é divulgado co formato de publicacións científicas, algunhas delas aínda en proceso de elaboración.

Detalle da obra deste autor barroco

The contents of this page were updated on 12.09.2019.