Skip to main content

As cátedras institucionais dan pulo á actividade investigadora do alumnado

As convocatorias para TFG e TFM están abertas ata o mes de outubro. FOTO: Santi Alvite
As convocatorias para TFG e TFM están abertas ata o mes de outubro. FOTO: Santi Alvite
Neurorradioloxía Intervencionista e Camiño de Santiago e das Peregrinacións manteñen aberto o prazo para concorrer aos certames que impulsan coa intención de recoñecer teses de doutoramento, así como os mellores TFG e TFM
Santiago de Compostela

As cátedras institucionais da USC en materia de Neurorradioloxía Intervencionista e do Camiño de Santiago e das Peregrinacións manteñen abertos os prazos para concorrer aos certames que impulsan e cos que pretenden dar pulo á actividade investigadora do alumnado.

A Cátedra de Neurorradioloxia Intervencionista da USC mantén aberto o prazo para concorer ao I Premio de Investigación Fernando Viñuela, dotado con 2.000 euros, e dirixido a persoal investigador que teña publicado durante 2020 un traballo de investigación ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo calquera aspecto do neurointervencionismo. Esta Cátedra institucional publicou tamén a primeira edición do seu galardón dirixido a recoñecer traballos fin de grao neste eido. Poderán presentarse a este premio todos/as os/as estudantes que teñan defendido durante o curso académico 2020/2021 un Traballo de Fin de Grao (TFG) que tivera como tema de estudo aspectos relacionados co neurointervencionismo, e que tiveran acadado a máxima cualificación académica de sobresaliente por parte das respectivas comisións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 euros para o traballo gañador que irá acompañado do correspondente diploma acreditativo. O prazo para concorrer ao certame permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro.

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de impulsar tamén unha nova edición do seu premio de investigación, así como da convocatoria coa que se pretende recoñecer os TFG e TFM centrados na ruta xacobea. O IV Premio de investigación sobre o Camiño de Santiago e das peregrinacións está dirixido ao persoal investigador que teña publicado durante o ano 2020 un traballo en formato de libro de autoría individual, ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións. É condición indispensable que o traballo non teña obtido ningún premio anteriormente.

Pola súa parte, a tamén cuarta edición do premio a TFG e TFM pretende poñer en valor o  Camiño  de  Santiago  e as Peregrinacións, dende múltiples perspectivas, como tema de estudo, alén de dirixirse a aqueles traballos que  obtiveran a   máxima   cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 euros para TFG ou TFM, acompañado do correspondente diploma acreditativo. O prazo de presentación de solicitudes mantense aberto ata o 5 de outubro de 2021.

The contents of this page were updated on 05.06.2021.