Convocadas as axudas aos proxectos para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A USC mantén aberto ata o 18 de maio o prazo para concorrer á convocatoria de realización de proxectos destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O período de execución dos proxectos será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 5 de novembro de 2021.
Ao abeiro desta convocatoria, financiaranse proxectos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario; a análise da situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero; o estudo sobre a situación dos menores; ou a investigación en violencias sexuais, así como os estudos de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais. A análise das novas realidades da Trata; e os sistemas de análise estatística que recollan as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución integran a listaxe de liñas de investigación susceptibles de acollerse á convocatoria.
Poderá solicitar estas axudas o persoal docente e investigador (PDI) a tempo completo en servizo activo na USC. As solicitudes, dirixidas á Vicerreitoría de Investigación e Innovación, presentaranse a través do rexistro electrónico da Universidade. A USC e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia formalizaron un Convenio para o Desenvolvemento de Medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, entre as cales figuran a promoción de proxectos de investigación destinados ao desenvolvemento das referidas medidas para o ano 2021.