Skip to main content

Aberto o prazo para concorrer ás bolsas de verán para a iniciación á investigación nos Centros Singulares da USC

O alumnado adquirirá coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto de investigación. FOTO: Santi Alvite
O alumnado adquirirá coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto de investigación. FOTO: Santi Alvite
Ata este venres 21 de maio poderase tomar parte nesta iniciativa dirixida a estudantes de alto nivel interesados en realizar prácticas formativas extracurriculares no marco dun proxecto do CiTIUS, CiMUS, CiQUS ou IGFAE
Santiago de Compostela

A USC acaba de convocar as bolsas de verán para a iniciación á investigación nos Centros Singulares da Universidade. Ata este venres 21 de maio, poderanse presentar as candidaturas para tomar parte nesta iniciativa dirixida a estudantes de alto nivel interesados en realizar prácticas formativas extracurriculares no marco dun proxecto desenvolvido no Centro  Singular  de  Investigación  en  Medicina  Molecular  e  Enfermidades  Crónicas (CiMUS), no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), no Centro Singular  de  Investigación  en  Química  Biolóxica  e  Materiais  Moleculares  (CiQUS)  ou no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Xunta de Galicia e da USC.

O alumnado adquirirá coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto de investigación e, asemade, participará nas actividades científicas do centro correspondente. As  prácticas  formativas  extracurriculares  que  son  obxecto  destas  bolsas  terán  unha duración dun mes e desenvolveranse nos períodos establecidos por cada Centro Singular. Á hora de adxudicar as bolsas valorarase o expediente académico (70%), o currículo (20%), así como a expresión de interese (10%) das persoas aspirantes.  

No caso do CiQUS, as bolsas están dirixidas a persoas que están cursando estudos correspondentes ao último ou penúltimo curso do grao en Química  ou  titulacións  relacionadas. Estar a cursar estudos correspondentes ao último ou penúltimo curso dos graos en Enxeñería Informática, Enxeñería de Telecomunicación, Física, Matemáticas ou disciplinas afíns é o requisito establecido polo CiTIUS. O CiMUS, pola súa parte, seleccionará a alumnado que estude o último ou penúltimo curso dos graos en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Química ou doutra titulación relacionada. Finalmente, o IGFAE dirixe a súa convocatoria a persoas que cursen algún dos dous últimos anos de calquera grao na área Europea de Ensino Superior ou calquera outro sistema universitario. Resérvanse oito bolsas para o alumnado dos graos en Física, Matemáticas, dobre grao Matemáticas-Física, ou graos equivalentes. A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica da USC, empregando o formulario de solicitude dispoñible neste enderezo.

 

The contents of this page were updated on 05.19.2021.