Skip to main content

O IDIS captou en 2020 máis de 30 millóns de euros para a investigación

O 66.5% destes investigadores teñen adscrición directa ao Sergas e o 33.5% á USC. O reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tomaron parte no acto
O 66.5% destes investigadores teñen adscrición directa ao Sergas e o 33.5% á USC. O reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tomaron parte no acto
Nos dez anos transcorridos dende a súa acreditación como instituto de investigación, este centro no que toma parte a USC multiplicou por catro o número de investigadores e captou máis de 216 millóns de euros para a investigación biomédica en Compostela
Santiago de Compostela

O consello reitor do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acaba de aprobar a Memoria de actividade 2020 na que se constata que, no pasado exercicio, os investigadores composteláns captaron máis de 31 millóns de euros e acadaron fondos para desenvolver 88 novos proxectos de investigación en convocatorias de concorrencia competitiva de índole autonómica, estatal e internacional. Asemade, mantense a súa capacidade de atracción coa consecución de máis de cinco millóns de euros para a contratación plurianual de 60 novos profesionais.

Consolídase así a situación de liderado do IDIS  como un dos institutos de investigación sanitaria máis competitivos no ámbito estatal e de referencia en Galicia. Nos dez anos de andadura acreditada do principal polo de investigación biomédica público galego desenvolvéronse 687 proxectos de investigación e captáronse 216.344.110 euros para, dende Compostela, contribuír á mellora da saúde da cidadanía e manter intacta a tradición sanitaria da capital galega.

Así, a pesares das dificultades do pasado ano e da diminución nas convocatorias para investigación no eido xeral, os investigadores do IDIS captaron un total de  31.340.579 euros para o desenvolvemento de numerosas actividades. Ademais, acadaron 14.267.940€ para levar a cabo 88 proxectos de investigación, dos que oito son internacionais, 56 estatais e 24 galegos, e conseguíronse máis de cinco millóns de euros para a contratación de persoal (60 profesionais, entre eles, convocatorias nacionais tan competitivas como dous Sara Borrel, dous Ramón y Cajal, dous Juan Rodés, tres Miguel Servet, ou sete Río Hortega).

Transcorridos dez anos dende a súa acreditación, o IDIS cuadriplicou o número de investigadores, pasando de 319 no 2010 a 1.347 no 2020, vencellados a 95 grupos diferentes que se atopan distribuídos en seis áreas científicas (Oncoloxía, Xenética, Endocrinoloxía, Neurociencias, Metodoloxía e Inflamación). O 66.5% destes investigadores teñen adscrición directa ao Sergas e o 33.5% á USC. A captación de fondos para a contratación de investigadores grazas ás convocatorias directas de recursos humanos ascendeu a 5.196.899 euros, case dez mil euros máis que o pasado ano.

A produción científica tamén segue a experimentar un crecemento imparable, así no 2020 viron a luz 923 publicacións, tres veces máis que as conqueridas no 2010. Ao longo deste decenio os investigadores do IDIS publicaron case 6.400 traballos nas principais revistas científicas, acadando un factor impacto medio de 5.92 no pasado exercicio. A práctica totalidade destes estudos (550) publicáronse en revistas do primeiro quartil.

Tampouco cesou a actividade doutoral e presentáronse 67 teses doutorais no 2020, mentres que no ámbito da traslacionalidade solicitáronse 59 patentes (45 delas de aplicación internacional) das que 18 xa foron concedidas. No marco das investigacións do IDIS  creáronse  cinco  spin off:  bflow; FlowReserve; QuBiotech; NasasBiotech; Dart e Lincbiotech, así como dúas marcas rexistradas: DiverSa e GalCovid.

The contents of this page were updated on 05.19.2021.