O xeito no que o ébola evade o sistema inmune

Investigadores do grupo ‘Virus e Cancro’ do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), acaban de descubrir os complexos mecanismos moleculares que poderían axudar a explicar a elevada patoxenicidade do virus do ébola nos seres humanos, así como as posibles vías de tratamento e prevención. Nun estudo publicado en mBio, o equipo mostra como unha proteína deste virus, coñecida como VP24, interactúa cos compoñentes da membrana que rodea o núcleo celular —coñecida como envolta nuclear— provocando un dano significativo ás células e posibilitando a replicación do virus e a progresión da enfermidade.
“O virus do ébola é extremadamente hábil para esquivar as defensas antivirais do organismo e no noso estudo caracterizamos un mecanismo a través do cal esta evasión ocorre: a ruptura da envolta nuclear pola proteína VP24 do virus”, explica o investigador Santiago Vidal. "Esa rotura é bastante dramática e replica enfermidades xenéticas raras coñecidas como laminopatías, que poden derivar en graves complicacións musculares, cardiovasculares e neuronais", engade.
Transmisión de persoa a persoa
Tras aparecer por primeira vez en 1976 en África, o virus do ébola asociouse a importantes gromos de febre hemorráxica nese continente. O máis grave foi en 2014-2016 en África Occidental, cunha taxa de mortalidade do 50%. O virus transmítese ás persoas a partir de animais salvaxes e propágase nas poboacións humanas por transmisión de persoa a persoa.
No traballo de laboratorio, os científicos identificaron os compoñentes da membrana nuclear cos que interactúa VP24 para provocar a ruptura da mesma. Estes compoñentes son a emerina e os constituíntes da membrana interna, lamina A/ C e lamina B. Especificamente, a proteína VP24 diminúe a interacción entre lamina A/ C e emerina, o que compromete a integridade da envolta nuclear. Isto, á súa vez, provoca a saída do ADN nuclear cara ao citoplasma e a perda de función das células que combaten a enfermidade. Os investigadores demostraron ademais que VP24 interrompe as vías de sinalización que están destinadas a activar o sistema inmune encargado de loitar contra invasores virais como o ébola. A consecuencia biolóxica desta modulación é unha interferencia aínda maior coa fisioloxía normal das células, incluída a inmunidade antiviral.
"Cremos que o noso descubrimento das novas actividades da proteína VP24 do virus do ébola e o dano severo que causa ás células infectadas, axudará a promover máis investigacións sobre formas efectivas de tratar e previr a propagación de virus mortais, quizais a través dun novo inhibidor", asegura a investigadora do CiMUS Carmen Rivas. "De feito, é de esperar que esas investigacións consigan identificar con maior precisión os mecanismos moleculares mediante os cales virus como o do ébola invaden o corpo e atopan formas sofisticadas de evitar o sistema inmune", conclúe.
O traballo desenvolveuse en colaboración con socios da Escola de Medicina Monte Sinai, en Nova York; del Instituto Bernhard Nocht de Medicina Tropical en Hamburgo, Alemaña; a Universidade San Luis en Misuri, así como investigadores do Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares (CNIC) e da Universidade de Liverpool.
