A USC avanza na reorganización do Persoal de Administración e Servizos, cara unha estrutura máis áxil e eficiente

A reforma da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e Servizos (PAS) xunto coa Oferta de Emprego Público deste colectivo universitario correspondente a 2021 foron os dous temas que abriron o Consello de Goberno deste venres. Froito do diálogo e a negociación cos representantes sindicais, en ambos os dous casos son medidas organizativas tendentes a facilitar a harmonización e mellora da prestación do servizo, a flexibilización do cadro de persoal, ao mesmo tempo que a promoción laboral “creando unha estrutura áxil e de maior cualificación que dea respostas ás necesidades da USC”.
Tanto a proposta de reforma como a oferta de emprego público aprobada son un novo avance no Plan para o PAS 2019-2022 que busca atender a prestación de novos servizos así como o recoñecemento da carreira profesional e súmase a outras medidas pioneiras adoptadas na planificación dos recursos humanos na USC, como poden ser a incorporación do teletraballo nas rutinas laborais cotiás.
A reforma da RPT inclúe unha reorganización da estrutura dependente da Xerencia no Campus de Lugo, o que supón a creación dunha administración de Campus na procura dunha organización harmonizada, mellorando a eficiencia e a eficacia dos procedementos e a xestión dos recursos existentes. Ademais da reorganización do Servizo do Parque Móbil, a creación de Unidades de Xestión Administrativa iniciada na Xerencia, esténdese ao resto de altos cargos, agrupando a xestión administrativa da Reitoría e a das vicerreitorías e da Secretaría Xeral. Ademais, o documento aprobado inclúe a formalización das agrupacións de centros derivados da creación de Puntos de Atención, Información e Servizos.
Complementando esta reformulación da RPT, o Consello aprobou a OEP, dotada de 30 prazas de nova creación, ademais doutras dúas de consolidación de persoal indefinido e unha oferta de 27 prazas de promoción interna.
Administración electrónica
A aprobación do regulamento de Transformación dixital, administración electrónica e desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación actualiza e completa o proceso de inmersión na cultura dixital na USC. Partindo do marco normativo vixente neste eido, o documento regula o uso de medios electrónicos na actividade administrativa da Universidade compostelá e as relacións a través deste medios cos membros da comunidade universitaria, cidadáns e outras entidades públicas e privadas. Ademais, o texto establece o sistema de gobernanza da transformación dixital, da administración electrónica e do desenvolvemento das TIC na USC.
Este regulamento subsume o contido do actual Regulamento de Administración Electrónica. Tamén apunta a creación da Comisión de Coordinación para a Transformación Dixital, como órgano superior encargado de velar polo adecuado desenvolvemento do proceso de transformación dixital da Universidade e de fixar as directrices nesta materia, e a da Comisión para a Programación dos Desenvolvementos TIC, órgano competente para programar os desenvolvementos tecnolóxicos necesarios para a dixitalización da USC, ademais de recoller a Comisión de Administración Electrónica.
O novo documento apela igualmente a xestión neste eido en base a grupos de traballo, na actualidade agrupados arredor dos ámbitos relativos a xestión académica e calidade, xestión económica, xestións dos recursos humanos, da investigación, comunicación e difusión, infraestruturas e administración electrónica.
Outros asuntos
Como paso previo á internalización do Servizo de Limpeza, o Consello de Goberno aprobou a proposta de tarifas aplicables para a prestación deste servizo en edificios e locais dos campus de Santiago e Lugo a través da Fundación USC. Outros asuntos tratados na xuntanza foron, en materia de titulacións, a nova proposta do grao en Innovación gastronómica e xestión hoteleira con carácter dual para a súa implantación en 22/23, e as propostas correspondentes aos mestrados en Cooperación internacional para o desenvolvemento e en Goberno local e políticas públicas innovadoras, e ao doutoramento en Relacións laborais e recursos humanos, un dos primeiros do Estado con esta definición, todos eles de cara ao curso 22/23.
A orde do día complétase coa aprobación de complementos retributivos autonómicos e de sexenios de profesorado contratado, así como das memorias da actividade desenvolvida durante 2020 polos institutos de investigación, centros singulares e centros propios, así como polas plataformas científico-tecnolóxicas.