Skip to main content

A colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ amplía o seu comité científico coa incorporación de tres investigadoras

Ofelia Rey, Chus Taboada e Peregrina Quintela.
De esquerda a dereita, Ofelia Rey, Chus Taboada e Peregrina Quintela. Foto: Santi Alvite
Incorpóranse a este órgano asesor as catedráticas Peregrina Quintela, de Matemáticas; Ofelia Rey, de Xeografía e Historia; e Mª Jesús Taboada, da ETSE
Lugo, Santiago de Compostela

O comité científico da colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ renova a súa composición coa incorporación das profesoras Peregrina Quintela Estévez, catedrática de Matemática Aplicada; Ofelia Rei Castelao, catedrática de Historia Moderna; e Mª Jesús Taboada Igrexas, catedrática de Electrónica e Computación. Esta comité ten como misión seleccionar as obras a traducir e determinar que especialistas acometerán o labor de tradución e a redacción de prólogos dos títulos elixidos.

Dende a súa creación en 1999, o comité encargado de asesorar á dirección da colección,  encabezada polo profesor Darío Villanueva, estivo composto por representantes das facultades de Medicina (José Castillo), Farmacia (José Sordo), Ciencias Políticas (Ramón Máiz), Filoloxía (Antón Santamarina) e Filosofía (Carlos Baliñas). A incorporación das tres prestixiosas científicas e investigadoras da USC permite corrixir a ausencia de mulleres neste órgano asesor ao tempo que achegar unha visión científica máis ampla que permite facer fronte ao crecemento da colección ampliando as súas perspectivas a máis variados eidos do coñecemento. Nese senso, o comité equilíbrase tamén na súa composición científica, ao integrar catro representantes de humanidades e ciencias sociais  (facultades de Filosofía, Filoloxía, Xeografía e Historia e Ciencias Políticas) e outros catro de enxeñaría, ciencias da saúde e ciencias exactas (ETSE e facultades de Medicamento, Farmacia e Matemáticas).

A colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ naceu en 1999 en virtude dun convenio entre a USC e a Fundación BBVA, e diríxea o profesor Darío Villanueva dende a súa creación, sendo editada polo Servizo de Publicacións. Ata o momento leva vertidas á lingua galega corenta obras cimeiras da ciencia, a investigación e o pensamento de todos os tempos. De Platón a Stephen Hawking, de Erasmo a Hannah Arendt, de Moro a Darwin, de Euclides a MacLuhan, de Maquiavelo a Marx…, a colección “representa un esforzo editorial sen parangón que está escribindo, sen dúbida, unha páxina dourada na cultura galega contemporánea”, sinala o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco.

The contents of this page were updated on 07.29.2021.