A xornada ‘ERC Reading Days’ orientará a posibles candidatos que aspiren a presentarse á convocatoria 2022 das axudas do European Research Council
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) en colaboración coa USC celebra este luns 27 de setembro no Centro de Estudos Avanzados (CEA) a xornada ‘ERC Reading Days’. Trátase dunha experiencia piloto que terá lugar en distintos días do mes de setembro en varias cidades do Estado, dirixidas a posibles candidatos/as que aspiren a presentarse á convocatoria 2022 das axudas que xestiona o European Research Council (ERC) no marco de Horizonte Europa e especificamente Starting Grant, Consolidator Grant e Advanced Grant.
O obxectivo é que as persoas teñan a posibilidade de ler propostas que resultaron financiadas neste Programa nalgunha das pasadas convocatorias de Horizonte 2020 e que foron cedidas polos beneficiarios das mesmas. A xornada será inaugurada polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez. No CEA da USC, un total de 27 persoas, que previamente foron seleccionadas pola FECYT tras un proceso que rematou o pasado mes de agosto, poderán ler as propostas e posteriormente comentar e presentar dúbidas ante a Punto de Contacto Nacional na FECYT que estará supervisando a xornada.