Skip to main content

Aberta a inscrición para tomar parte no Programa de Innovación Akademia

Programa de Innovación Akademia
Os contidos que se abordarán ao longo das oito sesións que conforman o curso, van dende a innovación, a enerxía ou as telecomunicacións como base para aprender a innovar e adiviñar tendencias. Detalle do cartel do curso
Este curso en liña e de balde para alumnado da USC, estrutúrase en tres convocatorias con días e horarios diferentes para adaptarse mellor ás necesidades dos e das estudantes
Lugo, Santiago de Compostela

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e Uninova organizan, en colaboración coa Fundación Innovación Bankinter, unha nova edición do Programa de Innovación Akademia. A través dun formato en liña estruturado en tres convocatorias, para intentar adaptarse mellor aos distintos horarios do alumnado, este programa ofrece aos alumnos e alumnas a oportunidade de integrarse en grupos formados por estudantes non só da USC, senón tamén das universidades Politècnica de València, Pompeu Fabra, Loyola, Universidade de Murcia e o Instituto de Estudios Bursátiles.

A participación na presente edición terá carácter gratuíto para os alumnos da USC, aínda que será preciso facer un depósito de 50 euros ao inicio, que lle será reintegrado a todos os participantes que finalicen o programa. “Miraredes ao futuro e aprenderedes a analizar, interpretar e explotar as tendencias dende o que se sabe hoxe en día, así como a crear un produto/servizo innovador e sostible”, apuntan dende a organización do curso. “Nun mundo dixitalizado, xa non só importa ser nativo dixital, é preciso tamén resolver os problemas que se nos presenten dun xeito diferente, así como estar familiarizado coa intelixencia artificial. O alumnado aprenderá a desenvolver un algoritmo de intelixencia artificial que dará reposta de forma global e sostible ao problema que se propón nas sesións”, engaden. Os grupos poderán integrar a un máximo de trinta persoas, cada un.

Os contidos que se abordarán ao longo das oito sesións que conforman o curso, van dende a innovación, a enerxía ou as telecomunicacións como base para aprender a innovar e adiviñar tendencias, ata contidos máis específicos como big data ou algoritmos que permitan entender o concepto de intelixencia artificial para aplicalo nos campos de coñecemento respectivos. 

Calendario diverso

As persoas que desexen tomar parte no curso que se desenvolverá os luns de 16.00 a 17.00 horas, entre o 15 de novembro e o 14 de febreiro, deberán inscribirse ata o venres 29 de outubro. O alumnado que se decante polo curso dos mércores de 12.30 a 13.30 horas, entre o 3 de novembro e o 9 de febreiro, ten de prazo ata o 22 de outubro para inscribirse. Finalmente, o período de matrícula remata o xoves 14 de outubro, para todas aquelas persoas que queiran cursar esta formación do 29 de outubro ao 17 de decembro en horario de 12.00 a 13.00 horas. O procedemento para formalizar a inscrición consiste en enviar currículo, perfil en linkedin ou unha carta de motivación ao enderezo akademiafibk [at] bankinter.com (akademiafibk[at]bankinter[dot]com) 

The contents of this page were updated on 10.07.2021.