‘A Minerva Compostelá’ recrea a historia da USC a través de espazos do pasado

A mostra ‘A Minerva Compostelá. As súas glorias’ recolle parte da historia da USC recreando espazos do pasado. Así, a súa antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882. Neste mesmo espazo, móstrase tamén unha selección de libros que fan mención aos personaxes representados: nuns casos, aos seus propios escritos; noutros, ás doazóns feitas. Todos eles proveñen dos fondos da Biblioteca Xeral.
A capela é o lugar onde se alude á presenza dos vítores nos contextos universitarios mostrando, a través dunha galería de personaxes ilustres dos séculos XIX e XX, unha parte de quen foron os seus protagonistas. Neste caso óptase, como complemento á obra pictórica, por unha selección documental realizada dende os fondos existentes no Arquivo Histórico da USC.
Museo Virtual
Asemade, na sancristía realízase unha presentación do Museo Virtual da USC a través de códigos QR alusivos ao que alí pode verse. “Xérase desta forma, unha conveniente relación entre as potencialidades do virtual e o coñecemento directo das obras ás que se fai mención”, sinalan dende a organización da mostra. Con motivo desta exposición, unha serie de fondos pictóricos foron obxecto dunha restauración á vez que se melloraron os recursos das salas na súa montaxe en cuestións como a súa iluminación e son.
O grupo Milladoiro compuxo tamén dúas obras –unha para cada sala– concibidas para crear o ambiente axeitado en cada caso. A edición do catálogo da mostra complementa as pretensións dun proxecto que procura poñer en valor unha parte do patrimonio cultural da USC, seguindo a mesma liña xa practicada en 1995-1996 con motivo do seu Quinto Centenario.
O acto inaugural da exposición que tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa intervención do profesor emérito da USC e comisario da mostra José Manuel García Iglesias. Tomaron parte no acto a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; así como a deputada provincial Milagros Castro Sánchez. A mostra estará aberta ao público dende o 15 de outubro ata o 22 de xaneiro.
