Skip to main content
  • USC Life

O #reto5000 da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue achégase esta semana a sete centros da USC

Campaña de doazón de sangue do ano 2020. Foto: Santi Alvite
Campaña de doazón de sangue do ano 2020. Foto: Santi Alvite
As unidades móbiles de ADOS desprázanse ás facultades de Filoloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación e Enfermería, en Santiago, e a Humanidades, Enfermería e Relacións Laborais, en Lugo

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) continúa ao longo de novembro o denominado #reto5000, que ten por obxectivo superar a cifra das 5.000 doazóns de sangue nas universidades galegas. Só na USC e ao longo do curso pasado, rexistráronse 1.472 doazóns, o cal supuxo un total de 414 novas persoas doantes. Ademais, no conxunto do sistema universitario galego, acadáronse un total de 3.913 doazóns durante o pasado ano académico.

Para facilitar o acceso das persoas que integran a comunidade universitaria, as unidades móbiles de ADOS achegaranse a todos os centros dos sete campus galegos, impartindo charlas informativas e distribuíndo información nas xornadas previas, para tentar incentivar a colaboración do estudantado.   En Compostela, o punto de doazón estará o mércores día 3 de novembro nas inmediacións das facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación (en horario de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas) e o xoves 4 haberá unha unidade móbil na Avenida Xoán XXIII (de 10.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas), próxima ás facultades de Enfermería e Ciencias da Educación. Tamén o xoves, o campus de Lugo contará cun punto de doazón (de 09.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas)  no aparcamento próximo á cafetería para atender ao estudantado da Facultade de Humanidades e das escolas universitarias de Relacións Laborais e de Enfermería.

Ademais, a Axencia pon a disposición un teléfono gratuíto de información, 900 100 828, no que é posible solicitar cita previa para doar sangue tanto nas unidades móbiles como nos locais de doazón, para maior comodidade das persoas doantes. Asemade, nesta ligazón poden consultarse os puntos de doazón.

Medula ósea

Para ADOS a campaña de doazón de sangue nas universidades galegas este ano ten un dobre obxectivo, ademais do antedito #reto5000, a Axencia está a promover unha importante campaña de promoción e sensibilización a prol da doazón de medula ósea no eido universitario, que vai dende impartir charlas informativas á distribución de información vencellada con este xesto solidario.

The contents of this page were updated on 11.02.2021.