Skip to main content

Investigadores do Campus Terra crean compostos con actividade farmacolóxica para doenzas neurodexenerativas

Lara Rouco entre Rebeca Alvariño e Marcelino Maneiro, na Facultade de Ciencias da USC
Lara Rouco entre Rebeca Albariño e Marcelino Maneiro, na Facultade de Ciencias da USC
A graduada en Química Lara Rouco Méndez desenvolve na súa tese de doutoramento, dirixida por Marcelino Maneiro e Rebeca Alvariño, modelos artificiais capaces de reproducir as funcións das enzimas que producen reaccións redox
Lugo, Santiago de Compostela

A investigadora Lara Rouco Méndez desenvolve na tese de doutoramento, presentada na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC baixo o título ‘Estudo da aplicabilidade de catalizadores biométricos con actividade redox en procesos químicos e farmacolóxicos’, novos modelos artificiais capaces de reproducir as función de enzimas con actividade redox e que presentan aptitudes farmacolóxicas.

Os modelos biomiméticos dos que dá conta Rouco Méndez na súa investigación, dirixida polo profesores Marcelino Maneiro Maneiro, do Departamento de Química Inorgánica, e Rebeca Alvariño Romero, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, son metalocompostos de manganeso e ouro con diferentes ligandos susceptibles de ter aplicacións útiles tanto na industria química, para a descomposición fotolítica da molécula de auga e a degradación selectiva da lignina, como na farmacolóxica, dada a súa actividade antioxidante e antitumoral.

A investigadora luguesa testou asemade as propiedades antioxidantes destes metalocompostos e a súa utilidade para tratar diferentes doenzas neurodexenerativas asociadas ao avellentamento celular ou a danos dexenerativos por exceso de radicais libres ou especies oxidantes. Os resultados das pescudas realizadas por Rouco Méndez na súa tese xa foron obxecto de artigos publicados en revistas científicas de alto impacto, tal e como é o caso de Antioxidants, Neural Regeneration Research ou, entre outras Journal of Inorganic Biochemistry.

Outra das particularidades que presentan estes compostos, que inclúen un ou varios centros metálicos de manganeso, é a súa versatilidade. De feito, esta característica permite a súa aplicación noutros campos, como pode ser a fotosíntese artificial ou a delignificación da pasta de papel. A investigación de doutoramento de Lara Rouco inclúe asemade outros modelos sintéticos que incorporan ouro á súa estrutura e que presentan demostradas propiedades antitumorais.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Manuel Bermejo Patiño presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida por Lara Rouco Méndez. Eva Alonso López, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e Delfina Couce Fortúnez, completaron un comité avaliador que outorgou á investigadora luguesa a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

The contents of this page were updated on 11.30.2021.