Skip to main content

Os premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual recoñecen dúas investigacións da USC

Tamara Gómez Dacoba
Tamara Gómez Dacoba
A Axencia Galega para a Xestión de Coñecemento en Saúde (ACIS) outorga estes galardóns que acaban de poñer en valor dous traballos desenvolvidos no CiMUS e no IDIS
Santiago de Compostela

A investigación ‘Nanotecnoloxía para a modulación da resposta inmune en VIH e cancro’ de Tamara Gómez Dacoba obtivo o primeiro premio de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual concedidos pola Axencia Galega para a Xestión de Coñecemento en Saúde (ACIS) e dotado con 3.000 euros. Esta tese de doutoramento foi defendida no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC o pasado ano.

A investigadora, que se atopa actualmente nunha estadía de post-doutoramento en Estados Unidos, no MIT Koch Institute for Integrative Cancer Research, realizou o estudo baixo a dirección dos investigadores da USC José Crecente e María José Alonso do grupo Nanomedicina e Liberación de Fármacos (Nanobiofar).

A tese afonda nun posible candidato para unha vacina contra o VIH, constituída por nanopartículas cargadas con tres antíxenos peptídicos. En vista da prometedora protección contra a infección observada nos macacos, abordouse o deseño para a produción desta vacina candidata nun ambiente industrial. No que respecta ao contexto do cancro, este traballo de tese tamén desenvolveu unha potencial inmunoterapia con capacidade para polarizar macrófagos asociados a tumores cara a fenotipos antitumorais.

No marco dos galardóns concedidos por ACIS, o segundo accésit foi para Alejandro Ismael Lorenzo Pouso do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no que toma parte a USC. Lorenzo Pouso foi premiado polo artigo ‘Niveis de concienciación sobre a relación entre o cancro orofarínxeo e a infección polo VPH entre mulleres españolas: un estudo transversal hospitalario’.   

Acto de entrega de premios
Acto de entrega de premios
The contents of this page were updated on 12.02.2021.