Skip to main content

As universidades galegas asinan o convenio de colaboración para a creación do Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC)

De esquerda a dereita, os reitores Julio E. Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Joaquín Reigosa (UVIGO). Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, os reitores Julio E. Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Joaquín Reigosa (UVIGO). Foto: Santi Alvite
O Centro Interuniversitario CISPAC promoverá a investigación de excelencia no estudo da paisaxe como espazo histórico, económico e social multidimensional
Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e os seus homólogos da Coruña, Julio E. Abalde, e Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este martes o convenio de colaboración polo que as tres universidades galegas crean o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A sinatura tivo lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura que será a sede principal deste centro interuniversitario, se ben tamén poderá contar con outros espazos nos campus galegos nos que estea situado o persoal investigador a el vencellado.

O CISPAC é resultado dun achegamento entre grupos de investigación de distintas disciplinas das Ciencias Sociais e as Humanidades á procura de entender e dar resposta a retos sociais que abarcan a posta en valor do patrimonio, a recuperación da memoria histórica e social, as políticas de inclusión, o entendemento dos cambios no territorio nas súas dimensións económicas e sociais, as súas formas de goberno ou a elaboración de solucións en co-desenvolvemento coa comunidade. A partir da consideración do territorio como espazo habitado, produtivo, visitado, gobernado e en transformación, o CISPAC encamíñase cara á xeración de coñecemento científico de excelencia a través da conformación dunha masa crítica de investigadoras e investigadores experta nas diferentes dimensións da paisaxe e dunha axenda científica especializada dirixida á consecución dos retos da sociedade.

Como centro interuniversitario, o CISPAC dependerá dos Consellos de Goberno das tres universidades e rexerase por un regulamento interno asinado polos seus representantes. A súa estrutura conta dun órgano de goberno, o Consello reitor, que será presidido de forma rotativa polas Reitorías das tres universidades. Dispón ademais de tres órganos executivos, a Dirección Científica, a Dirección Adxunta e o Comité Científico; e de dous órganos consultivos, o Consello Asesor Científico Externo e o Consello de Transferencia.

The contents of this page were updated on 12.07.2021.