Skip to main content

Jose Tubío, XI Premio Nacional de Investigación en Cancro ‘Doutores Diz Pintado’

Durante os últimos seis anos, Jose Tubío dirixiu tamén un dos grupos de traballo integrados no proxecto Pan-Cancer Analysis  of  Whole  Genomes
Durante os últimos seis anos, Jose Tubío dirixiu tamén un dos grupos de traballo integrados no proxecto Pan-Cancer Analysis of Whole Genomes
O xurado outorgou o galardón a este profesor da USC pola súa destacada traxectoria investigadora, que comezou en 2010, centrada no xenoma do cancro
Santiago de Compostela

O profesor da USC Jose Tubío acaba de ser recoñecido co XI Premio Nacional de Investigación en Cancro ‘Doutores Diz Pintado’ pola súa destacada traxectoria investigadora, que comezou en 2010, centrada no xenoma do cancro. Dende 2016, Tubío dirixe o grupo Xenomas e enfermidade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) integrado por vinte investigadores. O grupo Xenomas e enfermidade está especializado en identificar os procesos e mecanismos que causan as mutacións que necesitan as células canceríxenas para sobrevivir e crecer. O aspecto máis destacado da súa investigación son os estudos do ADN móbil, é dicir, o material xenético capaz de moverse a diferentes partes dun xenoma.

Durante os últimos seis anos, Jose Tubío dirixiu tamén un dos grupos de traballo integrados no proxecto Pan-Cancer Analysis  of  Whole  Genomes. Este foi un dos proxectos máis ambiciosos do mundo no campo da xenómica do cancro, que está enmarcado no Consorcio Internacional do Xenoma do Cancro.

Á vangarda

Durante todos estes anos o profesor Tubío participou en avances como o achado de novos xenes implicados no desenvolvemento de determinadas leucemias e do  condrosarcoma, un tipo de cancro pouco frecuente que adoita comezar nos ósos. Tamén identificou novos mecanismos de mutación en cancro, da dinámica das metástases, de mutacións de xenes en tecidos sans e o seu papel no proceso de transformación do tecido san ao tumoral, xenes que dirixen os cancros transmisibles, ou como determinados virus poden afectar á estabilidade do xenoma. Ademais, das súas 28 publicacións, 16 delas teñen un alto factor de impacto maior de vinte.

Mellor novo investigador español

Jose Tubío recibirá o  galardón o 28 de xaneiro de 2022, no desenvolvemento do acto académico organizado pola Universidade de Salamanca con motivo da festa de Santo Tomás de Aquino. O Premio Nacional de Investigación en cancro ‘Doutores Diz Pintado’ premia o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica do mellor novo investigador español, realizada dentro ou fóra de España, e que supuxese a xeración, desenvolvemento e/ou aplicación dos novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro. A Fundación de Investigación do Cancro da Universidade da Salamanca (FICUS) –Centro de Investigación do Cancro (CIC), xunto coa Fundación Doutores Diz Pintado para a Docencia e Investigación na Loita contra o Cancro, convoca cada ano este galardón en memoria dos doutores Manuel e Alfonso Diz Pintado.

The contents of this page were updated on 12.21.2021.