Skip to main content

USC e ANECA profundan na mellora dos procesos de avaliación

Antonio López e Mercedes Siles na súa xuntanza en San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Mercedes Siles na súa xuntanza en San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O reitor e a directora da Axencia mantiveron unha xuntanza que contribuirá á confección da folla de ruta desta entidade
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e a directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), Mercedes Siles, mantiveron unha xuntanza este martes 25, no Colexio de San Xerome, coa intención de estreitar os vínculos entre ambas as dúas entidades. A visita que se enmarca dentro dos encontros presenciais que o equipo directivo de ANECA está realizando a reitoras e reitores de universidades de toda España para explicar os cambios que se están impulsando dende a Axencia, permitiu coñecer, de primeira man, as necesidades existentes na institución compostelá.

“A USC é unha universidade esencial”, afirmou Mercerdes Siles para logo explicar que a Axencia que dirixe réxese polos principios de “transparencia, bo servizo público e escoita”, a partir dos cales “confeccionamos a nosa folla de ruta”. Nesta mesma liña, pronunciouse o reitor Antonio López ao subliñar que “valoramos que a Aneca se abra  e queira coñecer as dificultades coas que se atopan as universidades” xa que esta entidade é “unha peza fundamental en todo o que ten que ver coa garantía da calidade do sistema universitario dende a avaliación de títulos ata o profesorado”. “A sintonía é excelente”, engadiu Antonio López. Na reunión, tamén tomaron parte a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso; o vicerreitor de Calidade, Jacobo Limeres; e o profesor da USC na Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez, quen tamén participou en calidade de coordinador da Unidade de Comunicación da ANECA.

Curso sobre acreditación de méritos

Ademais, este xoves 27, a propia Mercedes Siles tomará parte nun curso impulsado dende a Escola de Doutorado Internacional da USC (EDIUS), en colaboración coa Asociación de Investigadoras/es AgroMar, do Campus de Lugo. Nesta formación abordaranse o proceso e os requisitos de acreditación e a valoración de méritos. Ademais de Siles Molina, toma parte no curso a directora do Centro de Ciencias Humanas e Sociais no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Elea Giménez Toledo.

A actividade desenvolverase de modo dual. Mercedes Siles Molina estará presente o 27 de xaneiro no Campus de Lugo con participación en liña para o alumnado de Santiago inscrito na actividade. A súa intervención centrarase nos procesos de avaliación de calidade docente e investigadora de ANECA, especialmente no Programa de Avaliación do Profesorado para a contratación (PEP) no que se avalían as actividades docentes e investigadoras, e a formación académica dos solicitantes para o acceso ás figuras de profesorado universitario contratado (profesorado contratado doutor, axudante doutor e profesorado de universidade privada) establecidas na LOMLOU así como o proceso de avaliación dos sexenios para o profesorado. Tamén participará de xeito presencial Toni Martínez, presidente do Comité de Ensinanzas Técnicas en PEP e Catedrático de Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade Politécnica de Cartaxena.  

De esquerda a dereita, Jacobo Limeres, María José López Couso, Antonio López, Mercedes Siles e Miguel Túñez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Jacobo Limeres, María José López Couso, Antonio López, Mercedes Siles e Miguel Túñez. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 01.25.2022.