O certame de curtametraxe ‘So-idade’ quere dar voz ás persoas maiores en situación de illamento non desexado

A USC creou en 2015 a Cátedra Institucional ‘Cruz Roja Española’ para a Mellora da Calidade de Vida das Persoas Maiores co obxectivo de promover a docencia, a divulgación e a investigación no ámbito do estudo dos coidados e mellora da calidade de vida das persoas maiores e do envellecemento. Coa vontade de profundar nesta liña de actuación, esta Cátedra da USC acaba de convocar a primeira edición do certame de curtametraxe ‘So-idade: dar voz ás persoas maiores en situación de soidade non desexada’ dirixido a calquera membro da comunidade universitaria que pode participar de xeito individual ou en grupos de ata tres integrantes.
Os e as participantes poderán concorrer ao certame presentando unha peza audiovisual que non deberá superar os vinte minutos de duración e cuxa temática ten que estar relacionada coa soidade non desexada das e dos maiores. A persoa ou grupo gañador recibirá 1.000 euros e o correspondente diploma acreditativo. A convocatoria tamén establece un segundo premio dotado con 500 euros. En caso de empate na puntuación obtida tras a valoración dos traballos, a contía do premio repartirase a partes iguais entre as persoas autoras dos traballos empatados.
Os e as interesadas en participar deberán presentar unha solicitude xeral no rexistro electrónico da Universidade de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria. O prazo permanece aberto ata o 30 de xuño.