Skip to main content

Última semana para visitar a exposición 'Minerais. Ver o Invisible’

A mostra permanecerá aberta ata o 2 de setembro no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. FOTO: MHN
A mostra permanecerá aberta ata o 2 de setembro no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. FOTO: MHN
A mostra, aberta ata o 2 de setembro no Colexio de Fonseca, achega á sociedade unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desenvolve en Galicia

A exposición 'Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta' chega a súa recta final. O vindeiro sábado 2 de setembro concluirá o período expositivo desta mostra promovida pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural, coa colaboración da Área de Cultura da USC e a Deputación da Coruña.

'Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta' é un encontro entre arte e ciencia para achegar á sociedade unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desenvolveu e desenvolve en Galicia. Nesta viaxe, o pasado aparece en forma de homenaxe ao investigador do século XVII René Just Haüy, considerado un dos fundadores da cristalografía e mineraloxía modernas e a quen se dedicou o pasado Ano Internacional Mineralóxico. Ao tempo, o presente amósase nunha escolma de resultados realizados con modernas técnicas de análise mineralóxica e coa presentación, por vez primeira, do novo mineral galego, a ermeloíta. Este é o terceiro mineral descuberto en Galicia, tras a morenosita e a cervantita, descritas a mediados do século XIX.

Comisariada polos investigadores da USC Óscar Lantes Súarez e Marcos Á. González González, e pola a artista interdisciplinar Mónica, que asume a dirección de arte da mostra, 'Minerais. Ver o Invisible’ combina materiais científicos divulgativos con pezas artísticas, como videoperformances e videocreacións compostas por Mura, ou a paisaxe sonora ‘Mar ao Norde’ concibida polo compositor galego Fernando Buide del Real.

Instalada no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca, a mostra pode ser visitada de balde de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. A partir de setembro os contidos científicos máis relevantes trasladaranse ao Museo de Historia Natural da USC onde estarán expostos durante varios meses e contará cun catálogo propio con contidos ampliados dispoñible a través do blog da Área de Infraestruturas de Investigación da USC.

Ermeloíta

O novo mineral foi descuberto no monte Ermelo en 2022 polos investigadores da USC Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez García e Manuel Cerviño Fervenza e estudado cientificamente por persoal técnico da Área de Infraestruturas de Investigación da Vicerreitoría de Política Científica da USC. Tras o seu achado, arrancou un proxecto divulgativo conxunto entre a Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC, que desenvolveu durante o ano 2022 e 2023, diferentes actividades divulgativas de mineraloxía científica (obradoiros, saídas ao campo e conversas) orientadas a diversos públicos con grande éxito de asistencia.

The contents of this page were updated on 08.28.2023.