Skip to main content

yita patiño: unha marca con alma

Estrella Patiño, avogada de profesión e creadora por vocación, é a impulsora de yita patiño
Estrella Patiño, avogada de profesión e creadora por vocación, é a impulsora de yita patiño
A marca de upcycling yita patiño vén de gañar o segundo premio na última edición do Programa Explorer do Campus Terra

Nun mundo onde a moda avanza a ritmos vertixinosos e a sustentabilidade converteuse nunha urxencia global, o proxecto yita patiño emerxe como unha proposta coherente, honesta e transformadora. Detrás desta iniciativa atópase Estrella Patiño, avogada de profesión e creadora por vocación, que acaba de ser recoñecida co segundo premio do Programa Explorer do Campus Terra pola súa aposta por unha moda máis consciente, creativa e circular.

Desde nena, Estrella sentiu unha conexión íntima co mundo téxtil. Mentres outras nenas correteaban polo parque, ela prefería coser vestidos para as súas bonecas xunto a súa nai e a súa tía. «Sempre vestín pezas feitas por min, sobre todo saias midi. Crecín con roupa de calidade que tiña varias vidas», conta.

Aínda que na súa mocidade refugou a idea de estudar moda por considerala unha carreira sen futuro, a súa paixón non se apagou. Tras anos exercendo a avogacía, formouse en estilismo e deseño e comezou a crear complementos para a súa contorna máis próxima. Así naceu, de forma orgánica, yita patiño.

Moda con propósito: a esencia de yita patiño

yita patiño non é só unha marca; é unha declaración de intencións. Cada peza que deseña Estrella nace do compromiso co planeta e cunha forma diferente de entender a moda. A súa proposta baséase no upcycling, unha técnica que reutiliza materiais descartados sen sometelos a procesos industriais.

Teas sobrantes de tapicería, stocks mortos doutras marcas, pezas en desuso ou tecidos naturais como algodón e liño cobran unha nova vida en forma de bolsos, colares ou accesorios exclusivos, duradeiros e atemporales.

«Os materiais que utilizo condicionan o deseño. Cada un ten a súa historia, a súa textura, a súa limitación. Iso é o que fai que cada complemento sexa único», explica. A súa visión vai máis aló: planea incorporar materiais como sacos de café, redes de pesca ou tecidos tradicionais como os palillos, reinterpretados en clave contemporánea.

Este enfoque conecta directamente coa slow fashion, un movemento que defende unha produción máis lenta, ética e respectuosa co medio ambiente. Para Estrella, é tamén unha forma de vida: «A very very fast fashion é un dos grandes problemas da nosa sociedade. Eu aposto por crear pezas que duren, que respecten os tempos, os procesos e que teñan sentido no tempo».

Do taller ao Explorer: unha experiencia transformadora

A consolidación de yita patiño acaba de dar un paso máis coa súa participación no Programa Explorer impulsado por Santander Universidades, coordinado polo CISE (Centro Internacional Santander Emprendemento), coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Este programa de preincubación en liña, no que participa o Campus Terra, ten como obxectivo acompañar a mozos con ideas innovadoras para que dean os seus primeiros pasos como emprendedores.

Estrela coñeceu o programa a través do CEI-Nodus de Lugo, e aínda que recoñece que foi un reto enfrontarse a conceptos empresariais alleos á súa formación, asegura que valeu a pena: «Foi un proceso duro, pero moi enriquecedor. Aprendín moitísimo e o recoñecemento co segundo premio deume un impulso enorme. Fíxome confiar máis no meu proxecto e en min mesma».

Grazas a esta experiencia, actualmente forma parte do sementeiro de empresas do CEI-Nodus, onde continúa desenvolvendo yita patiño co respaldo dunha comunidade emprendedora.

Máis que moda: unha visión de futuro

Estrella non concibe a súa marca como un simple negocio, senón como unha ferramenta de transformación social e ambiental. «Sinto a necesidade de participar na construción dun mundo máis san e comprometido co medio ambiente», afirma.

As súas creacións non só embelecen a quen as leva, senón que tamén transmiten unha mensaxe: outro modelo de consumo é posible, un que valore a historia dos materiais, o traballo artesanal e a sustentabilidade.

O segundo premio do Programa Explorer non é o final do camiño, senón unha estación máis no traxecto desta emprendedora que soubo unir paixón, talento e conciencia para dar forma a unha marca con identidade propia.

The contents of this page were updated on 07.09.2025.