Skip to main content

As persoas beneficiarias das Bolsas Santander recolleron este martes as súas credenciais

Foto de grupo do estudantado becado coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo do estudantado becado coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Asinouse ademais a renovación do convenio entre a entidade e a Universidade que, entre outras accións, supón 1.385 axudas ao estudantado da USC

As persoas beneficiarias de Bolsas Santander para contratos predoutorais e para persoal investigador de iniciación para estudantado de mestrado recolleron este martes en San Xerome as súas credenciais. O acto presidiuno no Salón de Graos de San Xerome o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e nel participaron tamén o vicepresidente segundo de Banco Santander, Matías Rodríguez Inciarte, e a directora de Santander Universidades e Universia España, Susana García Espinel.

Foi o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación quen presentou as persoas asistentes que gozaron dunha destas bolsas nas convocatorias de 2022 e 2023 de contratos predoutorais USC-Banco Santander e dos 30 contratos a tempo parcial para persoal investigador de iniciación dirixidos a estudantado de mestrado no curso 2023-2024.

En total, ademais da trintena de contratos para estudantado de mestrado, beneficiáronse destas axudas  predoutorais 11 investigadoras e investigadores na convocatoria de 2023 e 28 na de 2022.

O vicepresidente segundo de Banco Santander mostrou a súa satisfacción por poder asistir a este acto, “no que temos a oportunidade de coñecer a quen co seu esforzo conseguiron unhas destas bolsas e a quen animamos a continuar esta senda, porque o futuro da sociedade en boa parte depende de vós”. Pola súa banda, o reitor agradeceu o compromiso de Banco Santander coa Universidade, “e especialmente coa nosa, unha das primeiras coas que estableceu un marco de colaboración”, á vez que se sumou ás palabras do vicepresidente segundo animando ao estudantado presente a que continúe investigando, “porque  necesitamos un relevo xeracional nas estruturas da investigación”.

Convenio co Santander
Precisamente estes programas de bolsas se inclúen no convenio xeral que asinaron este martes o reitor Antonio López e o vicepresidente segundo de Banco Santander, Matías Rodríguez Inciarte, que dá continuidade á colaboración mantida entre o Santander e a Universidade nos últimos anos en programas orientados especificamente a reforzar a calidade da docencia, mellorar a eficiencia da súa xestión académica, facilitar o acceso a programas de formación continuada e reforzar a súa proxección internacional. En virtude deste acordo, cunha vixencia dun ano a rematar o próximo 31 de decembro, Santander achega 1.050.000 euros.

No referido á colaboración académica específica en programas de bolsas impulsados por Santander, a entidade oferta un total de 1.385 axudas, das que 105 se destinan a mobilidade, 226 ao estudo, 45 á investigación, 223 á empregabilidade, 6 ao emprendemento e 825 a axudas de comedor.

Por outra banda, o convenio asegura continuar a colaboración tecnolóxica e operativa que Santander viña prestando á USC a través de iniciativas como a Plataforma de xestión de convocatorias de Santander Open Academy e Santander X, os servizos de Universia Holding e Universia España Rede de Universidades ou AppCrue, entre outras.
 

O reitor e o vicepresidente segundo de Banco Santander, Matías Rodríguez, asinaron o acordo. Foto: Santi Alvite
O reitor e o vicepresidente segundo de Banco Santander, Matías Rodríguez, asinaron o acordo. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 07.15.2025.