Skip to main content

Entregados os premios dos certames de Videocreación e Paisaxes Sonoras

Foto de familia do acto de entrega. FOTO: Marcos López
Foto de familia do acto de entrega. FOTO: Marcos López
Estas iniciativas enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo
Lugo

A Casa do Saber acolleu este venres 21 a entrega de galardóns correspondente aos certames de Videocreación e Paisaxes Sonoras que a USC impulsa no Campus de Lugo. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. No acto participou, Antonio Álvarez, adxunto para o Campus de Lugo, e a deputada provincial, Iria Castro.

Videocreación

O 'Premio Araceli Herrero á mellor comunicación’ do certame de Videocreación, modalidade coa que se distingue a proposta que mellor engloba todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes, foi parar a ‘Crux’, de José Damián Pol Veiga por ser, a xuízo do xurado, “unha proposta honesta e valente no contido, e arriscada e efectiva nas formas”. O traballo gañador recibirá 300 euros. Tamén se outorgou unha mención especial á peza ‘Adaptación de comedias bárbaras de Valle-Inclán’, gañadora tamén do Premio do Público, “polo coidado na posta en escena”.

O 'Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria' recaeu en ‘Menos Rosalía e máis Rosalía’ de Xabier Mailán Méndez. O traballo destacou “pola súa ousadía formal e pola capacidade de entrelazar tradición e modernidade, convertendo a evocación nunha ponte entre memoria e experimentación”. A xuízo do xurado a peza “conxuga a frescura da proposta, a musicalidade fragmentaria e a forza simbólica que consegue”. Mailán Méndez recibiu tamén un galardón de 300 euros. ‘Eucalistia’ recibiu unha mención especial polo “emprego dunha linguaxe sinxela que constrúe a complexidade a través de figuras literaria acorde coa edición da imaxe”. O xurado estivo composto por Carmen Pérez González-Granxeiro, especialista en audiovisuais, e por Dores Rodríguez López e Bruno López Rodríguez, familiares de Isidro Novo, con voto só para o Premio Isidro Novo.

Paisaxes sonoras

Por mor dun empate técnico entre as mellores propostas, o xurado do certame Paisaxes Sonoras recoñeceu as pezas ‘La reunión’ de Laura Romero Valldecabres e ‘Fééries’ de Anne Lepère, esta última obtivo tamén o premio do público. O galardón divídese entre as dúas gañadoras, correspondendo a cada unha delas 150 euros. O xurado estivo composto por Arturo Abrigueiro e Marcos Maril. 

Como agasallo as persoas premiadas recibiron corazóns sonoros da artista Montse Rego  (en paisaxe sonora) e a obra de Mónica Alonso ‘Cama vermella flotando en mar azul’ (en Videocreación). 
 

The contents of this page were updated on 11.24.2025.