A directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios pronunciará unha conferencia
A Facultade de Farmacia celebra o venres 5 de decembro, ás 12.30 horas no Salón de Graos, o acto académico conmemorativo da súa patroa, a Inmaculada Concepción, que presidirá o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.
Tras a apertura do acto intervirá a secretaria do centro, Matilde Casas Parada, coa lectura da memoria académica, e a continuación procederase á entrega da Insignia de ouro da Facultade a María Ángeles Seoane Millán e Eugenio Uriarte Villares, persoal do centro xubilado o pasado curso 2024/25.
A directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas Díaz, será quen pronuncie a conferencia central do acto, que leva por título ‘Ciencias regulatorias ao servizo da saúde pública’.
A celebración proseguirá coa entrega de diplomas aos doutores e doutoras do curso 2024/25 e ás persoas premiadas no XII Concurso de ideas para a portada de Traballo Fin de Grao da Facultade de Farmacia e no III Concurso de ideas de Felicitación de Nadal da Facultade de Farmacia.
O acto rematará coas intervencións da subdirectora xeral de Farmacia da Consellaría de Sanidade, Silvia Maria Reboredo García; do secretario xeral de Universidades da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, José Alberto Díez de Castro; e da decana da Facultade de Farmacia, Reyes Laguna Francia.