Científicos realizan a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento dentro dunha célula viva

Investigadores da USC acaban de conseguir un novo impulso no eido da catálise artificial en células vivas ao aplicar unha metodoloxía baseada na catálise con rutenio para realizar a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento dentro dunha célula viva. “Usando reaccións catalíticas que non existen na natureza como as de cicloadición, ábrese un interesante abanico de posibilidades nos campos da bioloxía sintética e a biomedicina”, sostén o catedrático da USC, José Luis Mascareñas.
De feito, os investigadores demostran que mediante este método poden preparar un tipo de moléculas (antraquinonas) que non están presentes nos mamíferos, pero si en plantas e outros organismos, e que teñen moitas propiedades biolóxicas que os fan atractivos como fármacos. A través desta tecnoloxía, polo tanto, unha célula de mamífero si podería producir antraquinonas.
A reacción de cicloadición constitúe un tipo de transformación común nos laboratorios de química sintética, pero non forma parte dos procesos metabólicos naturais. O grupo de investigación que dirixe profesor e director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas, leva tempo traballando no deseño de catalizadores artificiais, distintos aos enzimas, pero que sexan capaces tamén de inducir transformacións químicas nos organismos vivos. A contribución desta investigación é tamén de tipo conceptual xa que “queremos comprobar ata que punto podemos estresar os sistemas vivos, xerando metabolismos de tipo artificial sen producir efectos citotóxicos”, explica o profesor Mascareñas.
Este traballo que abre a posibilidade de sintetizar moléculas artificiais de estrutura complexa en sistemas vivos, está asinado polo estudante de doutoramento Joan Miguel Ávila e pola investigadora JIN (mozos investigadores) da USC María Tomás-Gamasa, como codirectora, foi considerado como “very important paper” nunha das revistas máis prestixiosas a nivel mundial no ámbito da química, Angewandte Chemie, unha categoría na que só entra o 5% dos traballos que se publican.