Skip to main content

Científicos realizan a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento dentro dunha célula viva

O profesor Mascareñas (esquerda) xunto a Joan Miguel Ávila e María Tomás-Gamasa
O profesor Mascareñas (esquerda) xunto a Joan Miguel Ávila e María Tomás-Gamasa
Este achado que permite sintetizar moléculas artificiais de estrutura complexa en sistemas vivos “abre un interesante abanico de posibilidades nos campos da bioloxía sintética e a biomedicina”, sostén o catedrático da USC José Luis Mascareñas
Santiago de Compostela

Investigadores da USC acaban de conseguir un novo impulso no eido da catálise artificial en células vivas ao aplicar unha metodoloxía baseada na catálise con rutenio para realizar a reacción química máis complexa desenvolvida ata o momento dentro dunha célula viva. “Usando reaccións  catalíticas que non existen na natureza como as de cicloadición, ábrese un interesante abanico de posibilidades nos campos da bioloxía sintética e a biomedicina”, sostén o catedrático da USC, José Luis  Mascareñas.

De feito, os investigadores demostran que mediante este método poden preparar un tipo de moléculas (antraquinonas) que non están presentes nos mamíferos, pero si en plantas e outros organismos, e que teñen moitas propiedades biolóxicas que os fan atractivos como fármacos. A través desta tecnoloxía, polo tanto, unha célula de mamífero si podería producir antraquinonas.

A reacción de  cicloadición constitúe un tipo de  transformación común nos laboratorios de química sintética, pero non forma parte dos procesos  metabólicos naturais. O grupo de investigación que dirixe profesor e director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas, leva tempo traballando no deseño de catalizadores artificiais, distintos aos enzimas, pero que sexan capaces tamén de inducir transformacións químicas nos organismos vivos. A contribución desta investigación é tamén de tipo conceptual xa que “queremos comprobar ata que punto podemos estresar os sistemas vivos, xerando metabolismos de tipo artificial sen producir efectos citotóxicos”, explica o  profesor Mascareñas. 

Este traballo que abre a posibilidade de sintetizar moléculas artificiais de estrutura complexa en sistemas vivos, está asinado polo estudante de doutoramento Joan Miguel Ávila e pola investigadora JIN (mozos investigadores) da USC María Tomás-Gamasa, como  codirectora, foi considerado como “very important paper” nunha das revistas máis prestixiosas a nivel mundial no ámbito da química, Angewandte  Chemie, unha categoría na que só entra o 5% dos traballos que se publican.

The contents of this page were updated on 09.29.2020.