Pasar al contenido principal

Inicia a fase de probas o Portal da Investigación da USC

Durante a fase de probas que agora se inicia e ata finais do mes de marzo, a USC abre un período para que o persoal investigador da Universidade envíe suxestións ou correccións. FOTO: Santi Alvite
Durante a fase de probas que agora se inicia e ata finais do mes de marzo, a USC abre un período para que o persoal investigador da Universidade envíe suxestións ou correccións. FOTO: Santi Alvite
A este novo espazo só se poderá acceder dende as redes da Universidade no período de posta en marcha, durante o cal, o persoal investigador poderá enviar suxestións e correccións a través dun formulario habilitado a tal efecto
Lugo, Santiago de Compostela

O Portal da Investigación da USC acaba de ver a luz co obxectivo de difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación da Universidade. Este novo espazo facilita o acceso ás publicacións e datos de investigación, contribuíndo aos obxectivos da ciencia aberta. Ademais, establece unha relación entre o financiamento e os seus resultados, realizando un exercicio de transparencia ao tempo que mellora a visibilidade e o impacto da institución. Nesta fase inicial de posta en marcha, só se pode acceder ao Portal dende as redes da USC.

Esta páxina permite explorar o persoal investigador nas unidades organizativas definidas pola USC —Centros Singulares, Institutos, Agrupacións Estratéxicas, Departamentos, Facultades e Grandes Áreas de Coñecemento— ou facer unha procura específica na caixa de busca. Ademais, permite explorar os diferentes grupos que integran o tecido investigador da Universidade. O Portal actualízase diariamente cos contidos das publicacións procedentes de Dialnet, incluíndo as súas métricas; e semanalmente, cos datos de Scopus. No futuro, prevese a incorporación das publicacións da Web of Science (WoS). Asemade, o portal actualízase diariamente coas actividades que consten nas bases de datos do Vicerreitorado de Investigación e Innovación. Deste xeito, o novo espazo presenta os resultados globais da institución, con diversos apartados dedicados a publicacións, teses doutorais, colaboracións con outros centros ou patentes, entre outros aspectos.

Fase de probas

Durante a fase de probas que agora se inicia e ata finais do mes de marzo, a USC abre un período para que o persoal investigador da Universidade envíe suxestións ou correccións a través dun formulario habilitado a tal efecto. Asemade, a información sobre as funcionalidades do portal, as fontes das publicacións e proxectos, o rol da Biblioteca Universitaria e a Vicerreitoría de Investigación así como outras cuestións esta accesible na seguinte ligazón.

A USC conta cunha ampla rede de infraestruturas de apoio á investigación con persoal altamente cualificado que dá soporte científico-tecnolóxico a máis de 2.000 investigadores, preto de 300 grupos, unha trintena de institutos e centros de investigación e medio cento de departamentos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2021.