Portas abertas na Zona USC

A xornada de achegamento á Universidade ‘A USC Camiña’ reúne este xoves 7 no Auditorio Municipal de Ribeira a uns 300 estudantes de ensino medio que poden coñecer de primeira man a través de diversos espazos expositivos a oferta docente e de servizos da institución universitaria. Diversos relatorios e obradoiros integran esta actividade organizada polo Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC. A sesión coincide coa primeira das xornadas dos Encontros virtuais na Zona USC, iniciativa que permite, de xeito telemático, acceder á oferta docente e de servizos da Universidade a través deste enderezo web. Ademais, 'A USC Camiña' xa celebrara outra das súas xornadas presenciais en Viveiro a finais do mes de mazo.
O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural de ‘A USC Camiña’ xunto ao alcalde de Ribeira Manuel Ruiz Rivas. A continuación, o alumnado puido asistir a diferentes actividades verbo da oferta de titulacións da USC, o Servizo Universitario de Residencias (SUR), a mobilidade internacional ou a programación deportiva e de voluntariado, entre outros aspectos. Ademais destas iniciativas de carácter máis xenérico, o alumnado participante pode visitar diferentes espazos con demostracións prácticas.
Así por exemplo, a Facultade de Física e o Instituto de Materiais (iMATUS) impulsan o obradoiro ‘A Física é Luz’, mentres que o Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE) dá pulo á actividade ‘A cámara de néboa, detectando a radiación”. ‘Achegando a química ás novas xeracións’ é o nome do obradoiro que presenta a Facultade de Química, e dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo presentan ‘As curiosidades da madeira’, ‘Árbores en tubos de ensaio’ ou ‘Coñece a Robótica’, entre outros.
Xa en quenda de tarde Celso Rodríguez, coordinador de A Ponte, pronuncia o relatorio ‘USC, unha experiencia vital’. ‘Conservación e reintroducción por medios biotecnolóxicos...’ é o titulo da conferencia de Cecilia Alonso e Flor Romay da EPSE, mentres que Santiago Lamosa abordará ‘As titulacións de Enxeñaría’. O peche da xornada corre a cargo de Jorge Mira, quen profunda en ‘Como escolle parella o animal que levas dentro’.
Encontros virtuais
A xornada de Ribeira coincide no tempo co inicio da terceira edición dos Encontros Virtuais na Zona USC. “Adiante, asómate, pasa, investiga, toca, experimenta, pregunta… somos Zona USC”, este é o chamamento que o Programa A Ponte lanza ao alumnado de ensino medio para que tamén acceda de xeito telemático á oferta docente e de servizos da Universidade a través do enderezo web habilitado para dar cabida a este foro. “Esta iniciativa xurdiu durante a pandemia cando non podiamos acudir aos centros de xeito presencial”, explica Celso Rodríguez, coordinador de A Ponte entre o Ensino Medio e a USC e promotor dunha iniciativa que ao longo dos anos 2020 e 2021 logrou recibir en torno a 37.000 visitas. “Dende o Programa A Ponte impartimos unhas 600 conferencias ao ano por centros de toda Galicia xa que queremos atraer o alumnado de ensino medio ás aulas universitarias”, engade. A COVID-19 supuxo un freo no desenvolvemento deste programa e obrigou a redefinir o modo no que informar e orientar ao futuro alumnado universitario para que puidese elixir os estudos que máis se adaptasen ás súas preferencias.
A través da web dos Encontros Virtuais na Zona USC e ata o vindeiro 13 de abril, o alumnado interesado pode premer nas ligazóns que conduzan a aquelas titulacións que sexan do seu interese. Unha vez dentro, accede a un programa de videoconferencias que lle permitirá conectarse en liña para coñecer en directo todos os detalles da titulación e preguntar as dúbidas que desexe. “Boa parte dos Encontros desenvólvense en Semana Santa, cando o alumando non ten clase”, destaca Celso Rodríguez xa que este feito tamén permite que poidan navegar con máis calma pola web, reflexionar sobre as múltiples opcións académicas que se lles ofertan e trasladar todas as cuestións que se lles ocorran. Ademais, na actualidade, estes Encontros Virtuais son concibidos como un “complemento aos presenciais que se desenvolven nos campus de Santiago e de Lugo”. En concreto, neste curso 2.200 alumnos e alumnas visitaron Compostela e 1.140, Lugo, no marco desta iniciativa.
A páxina web dos Encontros constitúe un repositorio con material diverso e multimedia sobre a USC. Deste xeito, o estudantado que navegue pola mesma, poderá interactuar por videconferencia con responsables de cada titulación, ver vídeos ilustrativos sobre cada grao pero tamén sobre a vida universitaria, coñecer polo miúdo o proceso para acceder á Universidade ou afondar na súa oferta cultural, deportiva ou de Residencias, entre outros múltiples aspectos.