Formación do Profesorado presenta materiais educativos na Bienal de Arquitectura de Venecia
Os profesores da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Estella Freire, acaban de presentar, na última edición da Bienal de Arquitectura de Venecia, os materiais educativos non estruturados ‘Trebello e Barraca’, deseñados para a infancia a partir dos tres anos. En concreto, a presentación desenvolveuse no marco da actividade denominada ‘get involved VII’, que por sétimo ano consecutivo ofrece un escenario internacional dedicado á educación arquitectónica e da contorna construída dirixida á mocidade.
A iniciativa enmárcase nas sesións de proxectos especiais (biennale sessions), con motivo da Biennale Architettura 2025 en Venecia. Ao longo do programa abórdanse temas de construción culturalmente relevantes e analízanse potencialidades de desenvolvemento mediante enfoques tanto teóricos como prácticos. Neste marco, o simposio internacional de dous días ‘Patternlanguage–to act and impact in space’ ten como obxectivo desenvolver unha linguaxe espacial universal. A través dun enfoque experimental, procúranse símbolos e estruturas visuais que faciliten a comunicación a través das fronteiras dun xeito lúdico, experimental e accesible.
A proposta está orientada á participación da cidadanía, co propósito de inspirala a implicarse activamente no deseño do espazo. Como un auténtico alfabeto visual, estes símbolos e patróns permiten experimentar, comprender e describir os espazos desde unha perspectiva aberta e colaborativa.
“Afastarnos do pensamento único”
Os obradoiros e achegas ao simposio foron seleccionados mediante unha convocatoria aberta, garantindo unha representación diversa e enriquecedora. Entre os participantes atópanse, ademais do profesorado da USC, propostas de Tunisia, Austria e Suíza. Os obradoiros realizados polos profesores de Educación Artística da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo tiveron lugar nos pavillóns de Austria e Suíza. A primeira parte consistiu na construción das formas: e a segunda, no debuxo de observación.
“A cada participante dáselle un anaco de carbón vexetal e unha folla de papel sobre un cartón ríxido, para que poidan moverse polo espazo e debuxar de maneira autónoma”, explican. “Este tipo de debuxo é moi importante porque incorpora a súa experiencia persoal”, matizan. Ao compartir debuxos de observación sobre un mesmo obxecto, “podemos apreciar a diversidade de miradas, e isto axúdanos a afastarnos do pensamento único, recoñecendo e valorando o outro como diferente”.
Ademais, os obradoiros foron o escenario idóneo para presentar ‘Trebello e Barraca’. A palabra trebello procede do galego e significa un aparello ou ferramenta sinxela que se pode empregar para diferentes usos, mentres que barraca se refire a unha pequena construción desmontable que serve como refuxio. “Ambos os conceptos son abertos e creativos, elementos que se poden utilizar de múltiples maneiras, segundo o contexto e a persoa usuaria”, afirman. “Tamén se relacionan coa idea de baixa tecnoloxía, como as ferramentas artesás utilizadas na vida rural tradicional. Para nós, son elementos que conectan o espazo e a forma, e que axudan ás nenas e nenos a activar os seus procesos creativos”, aseguran.
O sistema componse de tres tipos de pezas — bases, conectores e formas — que a cativada pode combinar libremente para construír e explorar. O deseño baséase en catro ideas principais: facer como forma de pensar, xogar como forma de explorar, ver o cotián cunha nova mirada, e cooperar como forma de aprender. Esta iniciativa foi beneficiaria no ano 2023 dunha axuda do Consello Social da USC en materia de I+D.