1) Sesión informativa específica
Un dos primeiros días do curso o equipo decanal explica os detalles sobre o funcionamento da Facultade: a ubicación física da estancias (aulas de informática, aulas docentes, biblioteca, salas de estudo, despachos de profesores...), os órganos de goberno da Facultade nos que teñen representación os/as estudantes (Consellos de Departamento, Xuntas de Facultade...) e algunhas orientacións xerais sobre o plan de estudos: carácter das materias, avaliacións, consellos sobre matrícula, convocatorias...
2) Sesión informativa xeral
Así mesmo, a primeira quincena do curso, un conxunto de representantes institucionais, entre eles, o vicerrector de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e o Valedor da Comunidade Universitaria, veñen un día á Facultade e informan aos/ás novos/as alumnos/as do funcionamento da Universidade en xeral, dos seus dereitos e deberes e dalgunhas ofertas máis aló do estrictamente académico: programas de voluntariado, área de deportes, teatro, danza, etc. que completan a súa formación humana.
A USC ten un programa de alumnos titores para as titulacións de grao, de forma que alumnos de últimos cursos, logo dunha formación que lles facilita a Universidade, realizan tarefas de orientación aos alumnos que inician os estudos.
Información programa alumnos titores:
Programa alumnos titores
No primeiro curso asígnaselle a cada alumno/a un/a profesor/a-titor/a que se encarga de velar e aconsellar sobre a súa progresión nos estudos. Planifícanse, ao principio de curso, como mínimo dúas entrevistas (unha por cuadrimestre) co seu profes-titor, a quen informa do seu grao de satisfacción académica e do seu grao de integración na Universidade e na cidade. A entrevista do segundo cuadrimestre serve para facer balance do curso e tamén para preparar o seguinte en función do grao de consecución dos obxectivos e dos seus degoiros ou preferencias. A titorización comeza o primeiro día do curso entrante e prosegue durante todo o curso académico. Con este sistema, posto en práctica desde hai máis de cinco anos, preténdese ter unha relación moi próxima co alumno/a para que teña a máxima información e dispoña da orientación que precise.