Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Didácticas Aplicadas
Áreas: Didáctica da Expresión Plástica
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Achegarse á creación artística como un proceso continuo de investigación que explora tanto a nosa percepción da realidade como as diferentes formas de aproximarnos a ela.
Coñecer a creación visual e plástica desde a práctica (facer) e reflexionar sobre as súas posibilidades como modelo pedagóxico, así como sobre a súa relevancia no currículo escolar.
Deseñar e desenvolver propostas de educación artística dirixidas ao alumnado de educación primaria.
Fomentar unha actitude reflexiva e crítica ante as creacións artísticas e ante a ensinanza da expresión visual e plástica no contexto escolar.
Analizar conceptos clave da educación artística e das diversas manifestacións artísticas, co obxectivo de construír un vocabulario propio que permita formular e defender un criterio fundamentado sobre a creación e a súa ensinanza.
Os contidos da materia estrutúranse arredor de tres grandes contextos interrelacionados. Estes eixes non se abordan de forma illada, senón como partes dun proceso educativo no que a práctica artística serve como ferramenta para coñecerse, cuestionar modelos establecidos e construír novos sentidos no ensino da arte.
1. O contexto do eu
• Revisión das crenzas persoais sobre a arte e a educación a través da práctica reflexiva.
• Análise das nocións de creatividade, proceso e estética.
• Cultura visual e construción de imaxinarios.
2. O contexto da educación artística
• Análise das principais concepcións da arte nos séculos XX e XXI: vangardas, Bauhaus, arte e activismo, arte comunitario, entre outras.
• Revisión crítica das principais concepcións da educación artística. A educación artística no sistema educativo español
• O espazo como terceiro educador.
• O portafolio como ferramenta para a documentación e o seguimento do proceso.
3. O contexto do facer: procesos, técnicas, materiais e pedagoxías creativas
• A creación artística como proceso de investigación: experimentación, xogo, colaboración e estrañamento.
• Materialidades, medios e técnicas como linguaxes: modos de facer e de pensar.
• Deseño inicial de propostas de educación artística para educación primaria
• Talleres prácticos orientados á experimentación e á creación:
Talleres de gráfica:
• Collage e ensamblaxe
• Frottage e impresión manual (goma, cartón, selos)
• Creación de libros de artista e cadernos de campo
• Murais colaborativos
• Imprenta
• Técnicas mixtas (imaxe, texto e corpo) e experimentación con materiais reutilizados
Talleres de volume
• Modelado con arxila, barro ou materiais naturais
• Composicións con materiais non estruturados
• Instalacións a pequena escala
• Volumes con papel
Talleres de construción
• Emprego de ferramentas básicas e unións con madeira, cartón ou corda
• Estruturas móbiles ou articuladas
• Celosías e tramas construtivas
• Espazos efímeros: división espaciais, refuxios
Talleres de narrativas
• Narración visual: secuenciacións e álbums ilustrados.
• Teatro de sombras, monicreques e dispositivos narrativos
• Contacontos performativos
• Lendas e tradicións orais como punto de partida para a creación
• A cultura visual e a creación desde a vida cotiá: obxectos, imaxes e contornas próximas.
1. Bibliografía Básica:
Blanco, V., & Cidrás, M. (2023). Aprender a través da arte. Cara a unha escola imaxinada. Pontevedra: Kalandraka.
Dewey, J. (2020). Experiencia e educación. Pontevedra: Kalandraka.
Freinet, C. (2019). As técnicas Freinet da escola moderna. Pontevedra: Kalandraka.
2. Bibliografía Complementaria:
2a. Metodoloxías artísticas:
Goodman, M. (2018). Children Draw. A Guide to Why, When and How Children Make Art. London: Reaktion Books.
Kent, C., & Steward, J. (2019). Observar, Conectar, Celebrar. Las enseñanzas sobre creatividad de Sister Corita. Barcelona: Gustavo Gili.
2b. Teoría educativa:
Eisner, E. W. (2004). El arte y la creación de la mente: el papel de las artes visuales en la transformación de la conciencia. Barcelona: Paidós.
Eisner, E. W. (1995). Educar la visión artística. Barcelona: Paidós.
Lowenfeld, V., & Brittain, L. (2008). Desarrollo de la capacidad intelectual y creativa. Madrid: Síntesis.
Vigotski, L. (2016). A imaxinación e a expresión artística na infancia. Pontevedra: Kalandraka.
Competencias xerais
G1 Coñecer os obxectivos, contidos curriculares e criterios de avaliación da Educación Infantil.
G3 Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan ás necesidades educativas singulares do alumnado, á igualdade de xénero, á equidade e ao respecto dos dereitos humanos.
G4 Fomentar a convivencia na aula e fóra dela, e abordar a resolución pacífica de conflitos. Saber observar sistematicamente os contextos de aprendizaxe e convivencia, e saber reflexionar sobre eles.
G11 Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa, e promovelos no alumnado.
Competencias específicas
E53 Coñecer os fundamentos musicais, plásticos e de expresión corporal do currículo desta etapa, así como as teorías sobre a adquisición e desenvolvemento das aprendizaxes correspondentes.
E55 Saber utilizar o xogo como recurso didáctico, así como deseñar actividades de aprendizaxe baseadas en principios lúdicos.
E56 Elaborar propostas didácticas que fomenten a percepción e expresión musicais, as habilidades motoras, o debuxo e a creatividade.
E58 Promover a sensibilidade relativa á expresión plástica e á creación artística.
Competencias básicas
B1 Que o estudantado demostre posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e se atopa a un nivel que, se ben se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
B2 Que o estudantado saiba aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dun xeito profesional, e posúa as competencias que se demostran mediante a elaboración e defensa de argumentos, e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B4 Que o estudantado poida transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
Competencias transversais
T.2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
Proposta metodolóxica baseada en procesos artísticos.
Tendo en conta as características da materia é preciso desenvolver unha metodoloxía que integre teoría e práctica. Para elo combínanse sesións expositivas con sesións interactivas máis centradas na aplicación práctica dos coñecementos. Estas sesións desenvólvense a través dunha metodoloxía de traballo colaborativo, o que supón unha forte implicación do alumnado, que debe realizar unha gran parte de traballo autónomo fóra do horario de clase para poder participar dunha maneira activa nas diferentes sesións de traballo.
Tamén se realizarán sesións programadas de titoría dirixidas á orientación e supervisión das actividades de traballo autónomo que debe realizar o alumnado, tanto a nivel individual como en grupo.
- A docencia expositiva e interactiva será de carácter presencial. As titorías poderán realizarse parcialmente de xeito virtual.
- A docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) desenvolverase en lingua galega e todas as actividades ligadas a ela, á marxe de que parte dos textos escritos que o alumnado deberá ler puidesen ofrecerse noutra lingua. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesorado normalmente na lingua de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito.
A asistencia a clase configúrase como un dereito e un deber do estudantado. O sistema de avaliación establecido nesta materia –de acordo co Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e mestrado da Universidade de Santiago de Compostela (aprobado polo Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024)– é o seguinte:
A asistencia tanto ás clases expositivas como ás interactivas é obrigatoria para superar a materia. A porcentaxe mínima de presencialidade necesaria para poder presentarse aos exames é do 80 %, o que permite un máximo de tres faltas.
A xustificación das faltas rexirase segundo o disposto no artigo 3 do Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno con data 25 novembro de 2024.
MODALIDADE DE AVALIACIÓN CONTINUA
A avaliación será de carácter continuo e terá en conta os seguintes apartados:
a. Participación e implicación na aula: Avaliarase positivamente a asistencia regular, a actitude e a boa disposición para aprender, así como a participación activa e interesada nas actividades da aula. Este apartado poderá supoñer ata un 15 % da cualificación final da materia. Será necesario asistir, como mínimo, ao 80 % das sesións teóricas e/ou prácticas e participar de forma activa e comprometida para acadar a puntuación máxima neste criterio.
b. Portafolios: O portafolios é unha colección de evidencias de diversa natureza que permite tanto ao docente como ao alumnado reflexionar sobre o proceso de aprendizaxe. Trátase dun instrumento centrado na avaliación dos procesos. O alumnado deberá elaborar un portafolios que recolla todas as producións desenvolvidas ao longo do curso. Este apartado suporá ata un 50 % da cualificación final da materia.
c. Documentación e outras producións: Inclúe os materiais que recollen e desenvolven as ideas principais dos contidos tratados, a metodoloxía de traballo e as conclusións derivadas da análise realizada. Ao longo do curso, cada alumno/a deberá presentar as súas producións resultantes do traballo realizado nas sesións expositivas, interactivas e titoriais. O profesorado proporcionará as instrucións necesarias sobre a forma, contido e prazos de entrega. Este apartado poderá supoñer ata un 30 % da cualificación.
d. Presentacións orais: O alumnado deberá realizar, como mínimo, unha presentación oral na que demostre o dominio das competencias adquiridas. Este criterio poderá contar ata un máximo do 5 % da cualificación final.
Criterios xerais de avaliación
Ademais das indicacións concretas que se poidan establecer para cada tarefa, considéranse criterios xerais para avaliar o rendemento académico do alumnado os seguintes:
A actitude aberta e receptiva para aprender novos contidos e integralos na formación docente.
A participación activa nas clases, en relación cos contidos do programa, e a realización puntual das tarefas previstas para as actividades presenciais.
A iniciativa e autonomía na preparación de actividades (informes, traballos, etc.).
CASUÍSTICAS ESPECÍFICAS DA AVALIACIÓN:
O alumnado que teña recoñecida a exención de docencia poderá cursar esta materia unicamente se cumpre coa obrigatoriedade de asistencia. A asistencia tanto ás clases expositivas como ás interactivas é imprescindible para superar a materia, polo que non se poderá acollerse á exención para os efectos desta docencia.
INTEGRIDADE ACADÉMICA:
Nos casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas, aplicarase o disposto na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións da USC.
IDIOMA:
O profesorado da materia impartirá as clases en galego e empregará todo o material de aula neste idioma, coa idea de poder avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T2 da USC (coñecemento instrumental da lingua galega, tanto a nivel oral como escrito). As e os estudantes normalmente presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia. Serán valoradas no apartado de participación activa as súas intervencións en galego.
Ao tratarse dunha materia de 6 créditos ECTS, correspóndenlle 150 h de traballo do alumno. Estas horas distribúense do seguinte xeito:
Horas de actividade presencial: 51h
Actividades expositivas en gran grupo: 24 h
Actividades interactivas: 24 h
Actividades de titoría e supervisión programadas: 3 h
Horas de traballo autónomo do alumnado fora da aula: 99 horas
Total: 150 horas
Na guía docente da materia figura unha descrición máis detallada das actividades coa correspondente asignación de horas e distribución temporal no cuadrimestre.
- Asistir asidua e participativamente ás clases e titorías
- Cumprir un ritmo de traballo programado e acorde coa avaliación continua. (Non é aconsellable confiar a preparación da materia para o final de curso).
- O alumnado con dispensa de asistencia ás clases teóricas deberá respectar as datas establecidas para a entrega de traballos. Recoméndaselle que manteña un seguimento activo da materia mediante as titorías e as plataformas virtuais, para facilitar o axeitado desenvolvemento da materia e a superación da mesma. Nalgúns casos, poderá establecerse un plan de traballo persoal, acorde coas circunstancias específicas de cada alumno, sempre que se respecten e se garantan os mesmos principios de equidade na avaliación e de igualdade de oportunidades para todo o alumnado da materia.
-Perspectiva de xénero: Recoméndase facer uso da linguaxe non sexista, tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados.
- Obrigatoriedade de uso da conta de correo rai.
- Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
-Non se poderá empregar o de teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
-Ter en conta que o ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
-Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
Vicente Blanco Mosquera
Coordinador/a- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Expresión Plástica
- Teléfono
- 982821030
- Correo electrónico
- vicente.blanco [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Martes | |||
---|---|---|---|
10:30-12:00 | Grupo /CLIL_03 | Galego | Aula de Plástica |
12:00-13:30 | Grupo /CLIL_04 | Galego | Aula de Plástica |
16:00-17:30 | Grupo /CLIL_01 | Galego | Aula de Plástica |
17:30-19:00 | Grupo /CLIL_02 | Galego | Aula de Plástica |
Mércores | |||
12:00-13:30 | Grupo/CLE_02 | - | Aula de Plástica |
13:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula de Plástica |
14.01.2026 12:00-14:00 | Grupo/CLE_02 | Aula de Plástica |
14.01.2026 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula de Plástica |
18.06.2026 12:00-14:00 | Grupo/CLE_02 | Aula de Plástica |
18.06.2026 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula de Plástica |