Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 51
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Xeografía
Áreas: Análise Xeográfica Rexional
Centro Facultade de Xeografía e Historia
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
A Xeografía de Europa constitúe unha materia habitual nos programas universitarios de Xeografía de moitos países europeos. Sen deixar de abranguer os contidos que tradicionalmente aparecían nos manuais empregados a tal efecto (relevo, climas, poboación, actividades económicas, sistema urbano, etc. e división rexional interna), os principais obxectivos desta materia son sobre todo dous:
1. Problematizar o concepto de Europa e, como derivada, a súa inserción no mundo e a súa configuración interna. Así, trátase de afrontar a xeopolítica das súas marxes xeográficas entendidas como amplas franxas de transición e as relacións con outras rexións planetarias que, malia que máis afastadas, presentan unha intensidade actual e futura de relacións. Asemade, a cuestión da definición de Europa afecta de forma directa á extensión do Consello de Europa e da Unión Europea, e mesmo ao estabelecemento da política de veciñanza, tanto a declarada como a inmanente, por parte desta última.
2. Analizar as políticas da Unión Europea, case nunca explicitadas como estritamente territoriais, mais, sen dúbida, transcendentes no espazo. Deste xeito, con esta materia, o alumnado debe coñecer siglas comunitarias chave tales como AECT, FEADER, FEDER, INTERREG, LEADER, NATURA 2000, PAC ou RDC, aprender como funcionan operativamente e avaliar de que xeito impactan en xeral no territorio comunitario e, en particular, en Galiza.
Contidos recollidos na memoria do grao:
Europa como concepto xeográfico. Conxuntos rexionais do continente. A Unión Europea: institucións e políticas rexional e sectoriais (PAC, etc.). A poboación europea. Sistema urbano. Espazos rurais. Retos ambientais.
Os contidos precedentes desenvolveranse nos seguintes temas:
BLOQUE 1. CARACTERIZACIÓN XEOGRÁFICA XERAL DE EUROPA
Tema 1. Europa como concepto xeográfico. Xeopolítica continental
Tema 2. Conxuntos rexionais do continente
Tema 3. Medio físico
Tema 4. A poboación
Tema 5. Sistema urbano
BLOQUE 2. UNIÓN EUROPEA
Tema 6. A Unión Europea. Proceso de formación e institucións. As políticas comunitarias
Tema 7. A política agraria común
Tema 8. A política rexional e de cohesión
Tema 9. Cooperación transfronteiriza. Fronteiras interiores e fronteiras exteriores
Tema 10. Retos ambientais e políticas ambientais comunitarias. A Rede Natura 2000
Bibliografía básica
- Berentsen, W. H. (ed.) (1997): Contemporary Europe: A Geographical Analysis. New York: John Wiley & Sons. [Tradución ao español: Berentsen, W. H. (ed.) (1997): Europa contemporánea. Un análisis geográfico. Barcelona: Omega.]
- Hix, S. e Hoyland, B. (2023): Sistema político de la Unión Europea. Madrid: McGraw Hill. [4ª ed.]
- Lévy, J. (2011): Europe, une géographie. La fabrique d’un continent. Paris: Hachette.
- López Palomeque, F. (coord.) (2000): Geografía de Europa. Barcelona: Ariel.
- López Palomeque, F. e Plaza Gutiérrez, J. I. (coords.) (2019): Geografía de Europa. Estructuras, procesos y dinámicas territoriales. València: Tirant lo Blanch.
- Murphy, A. B. et al. (2014): The European Culture Area. A Systematic Geography. Lanham/Plymouth: Rowman & Littlefield.
- Plaza Gutiérrez, J. I. et al. (2021): Geopolítica de la Unión Europea. Madrid: Síntesis.
- Pounds, N. J. G. (1990): An Historical Geography of Europe. Cambridge: Cambridge University Press. [Tradución ao español: Pounds, N. J. G. (2000): Geografía histórica de Europa. Barcelona: Crítica.]
Webgrafía básica
• Axencia Europea do Medio Ambiente: https://www.eea.europa.eu/
• Axenda Territorial 2030: https://territorialagenda.eu/
• Comisión Europea: https://commission.europa.eu/
• Comité das Rexións: https://cor.europa.eu/
• Consello de Europa: https://www.coe.int/
• ESPON: https://www.espon.eu/
• Eurostat: https://ec.europa.eu/eurostat
• INTERREG: https://www.interregeurope.eu/
• Parlamento Europeo: https://www.europarl.europa.eu/
• Unión Europea: https://european-union.europa.eu/
COÑECEMENTOS
2: Grandes rexións e xeopolítica do mundo
3: Xeografía humana
4: Xeografía física e medio ambiente
5: Ordenación do territorio e urbanismo
7: Métodos e traballo de campo da disciplina xeográfica
HABILIDADES/DESTREZAS
1: Xestionar a complexidade xeográfica e da Ordenación do territorio
2: Entender os problemas xeográficos de forma multidimensional, interrelacionando o medio físico-natural e ambiental coa esfera humana e social
3: Interrelacionar os fenómenos a diferentes escalas territoriais
4: Procurar, xerar, ordenar e sintetizar información xeográfica
5: Expor e transmitir coñecementos, métodos e resultados xeográficos de forma autónoma
COMPETENCIAS
1: Coñecer, comprender, analizar e interpretar o territorio, o medio físico-natural, o medio ambiente e a paisaxe
5: Aprender a coñecer e interpretar directamente o territorio, o medio e a paisaxe a través do traballo de campo
6: Elaborar e interpretar información cuantitativa e cualitativa en Xeografía
7: Explicar a diversidade de lugares, ambientes, cidades e rexións
A materia desenvólvese nas aulas expositivas, de seminario e de laboratorio. Asemade, prevese a realización de traballo de campo, condicionado ás posibilidades orzamentarias.
No que fai á docencia expositiva, o profesorado abordará de xeito presencial na aula os contidos distribuídos por temas, apoiándose en presentacións multimedia e nunha escolma de textos, mapas e gráficos, con recurso a actividades tales como aulas invertidas. Para o seguimento da materia, ademais da bibliografía recomendada, o alumnado disporá do material docente empregado no Campus Virtual.
Polo que respecta á docencia de seminario, esta ten por obxectivo apoiar a consolidación dos coñecementos estabelecidos na memoria do grao mediante actividades de carácter práctico, nomeadamente análise e comentario crítico de documentos (textos, mapas, gráficos, etc.).
En relación coa docencia de laboratorio, consiste no traballo xeoestatístico vencellado ás políticas comunitarias con incidencia no territorio para contribuír a acadar as competencias e as habilidades/destrezas fixadas na memoria do grao.
A saída de traballo de campo procura a avaliación do impacto das políticas comunitarias sobre o terreo. Prevese que sexa de dous días na área de fronteira entre a Galiza sudoriental e Trás-os-Montes. A saída de traballo de campo ten natureza de actividade formativa obrigatoria de acordo co Acordo do Consello de Goberno do 25/11/2024 que aprobou o Regulamento de asistencia a clase.
Ao longo do curso, o profesorado estará dispoñíbel nas horas de titorías. Alén diso, na aula de titorías ao final do curso estabelecida pola Facultade preparase especificamente o exame.
A avaliación da aprendizaxe comprende tanto o proceso como o resultado obtido. Proponse unha avaliación continua formativa con proba final, que estimule o alumnado para ser axente activo da súa propia formación.
A avaliación aplicarase do seguinte xeito:
1. Realización e entrega das actividades propostas de avaliación continua derivadas das aulas de seminario, de laboratorio e da saída de traballo de campo (esta última de se producir), ambas as dúas relativas ás políticas comunitarias con incidencia no territorio: 50%. A entregar no Campus Virtual e/ou mediante exposición oral.
Dado que a saída de traballo de campo ten natureza de actividade formativa obrigatoria segundo o Acordo do Consello de Goberno do 25/11/2024 que aprobou o Regulamento de asistencia a clase, a posíbel falta de asistencia deberá ser expresamente xustificada de acordo co art. 3 do devandito Regulamento. No caso das faltas de asistencia xustificadas de forma conveniente, facultarase unha entrega alternativa que terá o mesmo peso.
De acordo co art. 1 do Regulamento devandito, a asistencia ás aulas ponderarase na cualificación parcial relativa ao ítem da avaliación continua, cunha porcentaxe máxima do 10%.
2. Proba final na data oficial estabelecida pola Facultade, relativa aos contidos e coñecementos das aulas expositivas e de seminario: 50%. Consistirá en preguntas curtas e/ou tipo test. Nas preguntas tipo test, as respostas equivocadas restarán.
Se a cualificación non resultase por riba de 5 na primeira oportunidade, pódese afrontar a segunda oportunidade de avaliación. Nesta segunda oportunidade non se pode producir avaliación continua, polo que o exame abranguerá daquela a totalidade dos materiais dispoñíbeis en Campus Virtual, coas porcentaxes indicadas máis arriba. Consistirá en preguntas curtas e/ou tipo test. Nas preguntas tipo test, as respostas equivocadas restarán.
O alumnado coa dispensa concedida preceptivamente pola Comisión Académica e de Validacións da Facultade será avaliado mediante un exame presencial na primeira oportunidade, que abranguerá a totalidade dos materiais dispoñíbeis en Campus Virtual, coas porcentaxes indicadas máis arriba. Consistirá tanto en preguntas curtas e/ou tipo test como en preguntas a desenvolver. Nas preguntas tipo test, as respostas equivocadas restarán.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas, incluíndo o uso inaxeitado da IA, será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento dos estudantes e de revisións de cualificacións, nomeadamente o seu art. 16, que estipula a cualificación global resultante.
- Docencia teórica: 24 h
- Docencia de seminario: 12 h
- Docencia de laboratorio: 12 h
- Titorización en grupo reducido: 3 h
- Traballo persoal do alumnado: 99 h
Lucrezia Lopez
- Departamento
- Xeografía
- Área
- Análise Xeográfica Rexional
- Correo electrónico
- lucrezia.lopez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Valerià Paül Carril
Coordinador/a- Departamento
- Xeografía
- Área
- Análise Xeográfica Rexional
- Teléfono
- 881812705
- Correo electrónico
- v.paul.carril [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Xoves | |||
---|---|---|---|
09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula 07 |