Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Son seis os obxectivos que guían esta materia:
- Presentar unha visión global e significativa da Historia da Educación, proporcionando unha comprensión integral do pensamento pedagóxico e das prácticas educativas que se desenvolveron ao longo da historia occidental, desde a Antigüidade ata a Idade Contemporánea.
- Fomentar a análise crítica e interpretativa sobre como a evolución histórica do fenómeno educativo condiciona o presente e proporciona as ferramentas necesarias para comprender os problemas contemporáneos e construír o futuro da educación.
- Promover a visibilización e o recoñecemento do labor pedagóxico das mulleres de diversas culturas e contextos á Historia da Educación, analizando as súas achegas e o impacto das súas obras.
- Fomentar a capacidade de traballo en equipo e as habilidades interpersoais mediante a realización de prácticas e traballos en grupo nos que se valore a diversidade de perspectivas.
- Desenvolver habilidades de investigación autónoma, promovendo a capacidade para realizar buscas bibliográficas rigorosas e analizar criticamente as fontes de información.
- Mellorar a capacidade de síntese e redacción, así como a habilidade para presentar información de forma clara e coherente tanto na aula como nos traballos da materia.
Indícanse a continuación os temas que configuran a materia, atendendo a unha secuencia temporal lineal na Historia da Educación occidental, así como ás indicacións contempladas na Memoria Verificada do Título:
- Tema 1. A Historia da Educación como campo de investigación e disciplina académica
- Tema 2. A Educación na Antiga Grecia e Roma (S. VIII a. C. - V d. C.)
- Tema 3. A Educación na Idade Media (S. V-XV)
- Tema 4. A Educación na Idade Moderna (S. XV-XVIII). Renacemento, Barroco e Ilustración
- Tema 5. A Educación no S. XIX. Revolución e Liberalismo
- Tema 6. A Educación no S. XX. Movementos de renovación educativa e desenvolvemento dos sistemas educativos contemporáneos
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:
Abbagnano, N., e Visalberghi, A. (1974). Historia de la pedagogía. Fondo de Cultura Económica.
Marrou, H.-I. (2004). Historia de la Educación en la Antigüedad (2ª ed.). Akal Ediciones.
Redondo, E. (Dir.). (2001). Introducción a la Historia de la Educación. Ariel Educación.
Tiana, A., Ossenbach, G., e Sanz, F. (Coords.). (2002). Historia de la Educación (Edad Contemporánea). UNED.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA:
Bowen, J. (1976). Historia de la educación occidental. Tomo I: El mundo antiguo. 200 a.C. - 1050 d.C. Oriente próximo y Mediterráneo. Herder.
Bowen, J. (1979). Historia de la educación occidental. Tomo II: La civilización de Europa. Siglos VI a XVI. Herder.
Bowen, J. (1985). Historia de la educación occidental. Tomo III: El Occidente moderno. Europa y el Nuevo Mundo. Siglos XVII-XX. Herder.
Capitán, A. (1984). Historia del pensamiento pedagógico en Europa. Desde sus orígenes al precientifismo pedagógico de J. F. Herbart. Dykinson.
Costa Rico, A. (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IV-XX). Xerais.
Costa Rico, A. (2022). Mujeres imprescindibles. Educadoras en la vanguardia del siglo XX. Kalandraka.
Debesse, M., e Mialaret, G. (1973). Historia de la Pedagogía I. Oikos-Tau.
Debesse, M., e Mialaret, G. (1974). Historia de la Pedagogía II. Oikos-Tau.
Duby, G., e Perrot, M. (2018). Historia de las mujeres (5 vols.). Taurus.
Guichot, V. (2006). Historia de la educación: reflexiones sobre su objeto, ubicación epistemológica, devenir histórico y tendencias actuales. Revista Latinoamericana de Estudios Educativos, 2(1), 11-51.
Hernández, J. M. (2018). Los Movimientos de Renovación Pedagógica (MRP) en la España de la transición educativa (1970-1985). Historia de la Educación, 37, 257-284.
hooks, b. (2021). Enseñar a transgredir: La educación como práctica de la libertad. Capitán Swing Libros.
Luzuriaga, L. (1971). Historia de la Educación y de la Pedagogía. Editorial Losada.
Negrín-Fajardo, O., e Vergara-Ciordia, J. (Eds.). (2018). Historia de la Educación. Dykinson.
Perera, P., e González, A. (2021). Educar como acto político: de vuelta a la comunidad. Historia de la Educación, 40(1), 347-368.
Redondo, E., e Laspalas, J. (1997). Historia de la Educación. I. Edad Antigua. Dykinson.
Vergara, J. (Coord.). (2021). Historia de la educación española. UNED.
RECURSOS NA REDE:
Existen numerosas revistas científicas de Historia da Educación que publican artigos sobre temáticas moi diversas: “Paedagógica Histórica”, “History of Education”, “Historia y Memoria de la Educación”, “Historia de la Educación. Revista Interuniversitaria”, “Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación”, entre outras.
Recoméndanse, así mesmo, as páxinas web da “Sociedade Española de Historia da Educación” (https://sedhe.es/) e da “Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico-Educativo” (https://sephe.org/), xa que abren a porta a numerosos recursos na rede.
COMPETENCIA BÁSICA:
CB1. Que os/as estudantes demostren posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e se adoita atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
COMPETENCIAS XERAIS:
CG1. Coñecer e comprender os fundamentos académicos e científicos nos que se sustenta o seu campo formativo e profesional, tendo capacidade para analizar criticamente a natureza das súas teorías, metodoloxías e ámbitos de intervención da Pedagoxía.
CG2. Ter capacidade para analizar as realidades sociopolíticas, económicas, educativas, culturais e lingüísticas nas que se desempeña o labor profesional dos/as pedagogos/as, tanto en termos diagnósticos como prospectivos.
CG3. Coñecer, comprender e analizar de xeito integral situacións educativas en diferentes contextos, sendo capaces de adaptar e aplicar os fundamentos académicos e científicos da Pedagoxía ás mesmas.
CG7. Elaborar, xestionar e/ou facer uso directo dos recursos documentais, metodolóxicos e materiais que comporte o desenvolvemento da súa profesión e que poderán concretarse na redacción e difusión de informes, utilización de estratexias e métodos educativos, equipamentos e infraestruturas, etc.
BASES METODOLÓXICAS:
Proponse unha metodoloxía baseada nun enfoque participativo que busca fomentar o pensamento crítico, a capacidade de busca e investigación e a construción do coñecemento desde a cooperación entre iguais.
Nas sesións expositivas realizarase unha presentación e explicación dos temas, orientando ao estudantado respecto aos centros de interese nos que convén profundar o estudo e indicando posible documentación e bibliografía complementaria.
Nas sesións interactivas desenvolverase unha práctica por cada tema teórico. Promoverase a participación do estudantado nos procesos de busca, análise e presentación de ideas para unha mellor aprendizaxe dos conceptos fundamentais da materia. Nestas prácticas asentaranse os coñecementos teóricos e fomentarase a reflexión e o pensamento crítico a través dun proceso de construción da aprendizaxe en grupo. Todas as prácticas finalizarán cunha posta en común e retroalimentación.
Para o desenvolvemento da materia farase uso do Campus Virtual, proporcionando os materiais necesarios, comunicando instrucións, avisos e información relevante, e creando un entorno para a interacción entre estudantes e docentes.
ACTIVIDADES FORMATIVAS:
Son cinco as actividades formativas que vertebran o proceso de ensino-aprendizaxe da materia:
- A exposición dos contidos teóricos.
- A realización de actividades prácticas grupais, dentro e fóra da aula.
- A elaboración dun dosier grupal que recolla as prácticas e as reflexións sobre o transcurso da materia.
- A realización dun traballo monográfico grupal centrado nas achegas á historia da educación dunha autora non occidental.
- As titorías individuais ou en grupo, para resolver dúbidas ou supervisar as actividades prácticas.
A avaliación basearase nas cualificacións obtidas nas probas individuais e grupais. As actividades avaliables da materia, todas de carácter obrigatorio, son:
a) Recensión: 10%
b) Traballo monográfico grupal sobre unha autora non occidental: 30%
c) Dosier grupal da materia: 20%
d) Exame final: 40%
Os resultados da avaliación final configúranse a partir da suma ponderada das puntuacións que se obteñan en cada unha das actividades. Para superar a materia é preciso obter unha valoración positiva en todas as actividades. En caso de suspender algunha parte da materia en primeira oportunidade, gardaranse as partes aprobadas para a segunda oportunidade.
Os traballos da materia (traballo monográfico e dosier) deberán ser entregados en tempo e forma a través do Campus Virtual. Non se aceptarán entregas enviadas a través doutros medios e o incumprimento das datas de entrega establecidas será motivo de penalización na cualificación.
É importante lembrar que para os traballos grupais é obrigatorio que todos os membros se impliquen de maneira activa, asegurando unha elaboración conxunta e mancomunada. A complexidade dos contidos que se abordan nesta materia obriga a unha integración coherente e global das ideas de todos os membros.
Por último, saliéntase a importancia de coidar a exposición, redacción, presentación e claridade dos contidos nas probas escritas, traballos e actividades grupais, ao ser a redacción e o uso correcto do vocabulario un aspecto recollido na avaliación.
ASISTENCIA A CLASE:
O programa da materia axústase ao especificado no Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024.
Neste caso, a asistencia é preceptiva para superar a materia, sendo necesario acudir, como mínimo, ao 80% das sesións. Quen falte ao 20% ou máis das sesións expositivas ou interactivas sen unha causa xustificada non poderá presentarse ao exame de primeira oportunidade. Con anterioridade á realización do exame publicarase unha listaxe do estudantado que satisfaga este requisito para poder examinarse.
As faltas de asistencia só poderán ser xustificadas cando se enmarquen nalgunha das causas establecidas no artigo 3.2. do citado Regulamento.
DISPENSA DE ASISTENCIA E EXENCIÓN DE DOCENCIA:
A principio de curso, os/as estudantes poderán solicitar, atendendo ao procedemento establecido, a dispensa de asistencia a clase cando se atope nalgunha das situacións indicadas no artigo 9.3 do Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024. O estudantado ao que se lle conceda dispensa de asistencia será avaliado nas mesmas condicións que o resto de estudantes, pero o traballo grupal será substituído por un traballo individual que deberá acordarse coas profesoras nas primeiras semanas de clase, e o dosier da materia será individual.
Do mesmo xeito, poderase solicitar a exención de docencia atendendo ao indicado no procedemento acordado en Xunta de Facultade. O estudantado ao que se lle conceda exención de docencia será avaliado nas mesmas condicións que o resto de estudantes e estará suxeito ás mesmas porcentaxes de asistencia ás sesións interactivas, incluído quen estea cursando Prácticum I ou II.
Aqueles/as estudantes que se atopen nalgunha destas dúas circunstancias (dispensa ou exención) deberán informar da súa situación nas primeiras semanas de clase e concertar unha titoría coas docentes.
ESTUDANTADO REPETIDOR:
O estudantado que se matricule por segunda ou máis veces na materia seguirá o programa establecido nos mesmos termos que o resto de estudantes. Por tanto, será obrigatoria a asistencia a clase segundo o anteriormente indicado e será necesario entregar en tempo e forma e superar as catro actividades da materia.
ESTUDANTES CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO:
Os/as estudantes que presenten algunha NEAE deberán informar ao Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC sobre a súa situación e comunicar ás docentes, nas primeiras semanas de clase, as modificacións e adaptacións curriculares necesarias para o seguimento adecuado da materia.
REALIZACIÓN FRAUDULENTA DE TRABALLOS, EXERCICIOS OU PROBAS:
Atendendo á Normativa de avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificación, aprobada en Consello de Goberno o 15 de xuño de 2011 e modificada o 5 de abril de 2017, a realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación implicará o suspenso da materia na convocatoria correspondente (tanto en primeira como en segunda oportunidade), con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o/a estudante infractor/a.
Polo tanto, todos os traballos deberán ser orixinais, o que implica a reelaboración/reinterpretación das ideas extraídas doutros/as autores/as e a correcta citación das fontes documentais empregadas. A detección de plaxio en calquera dos traballos supoñerá automaticamente o suspenso da materia. A efectos avaliativos, tamén se considerará plaxio a reutilización dun traballo previamente elaborado para outra materia.
Ademais, aqueles traballos que demostren un uso fraudulento de calquera tipo de intelixencia artificial (IA) serán suspendidos na oportunidade correspondente. Isto inclúe calquera actividade que conteña texto xerado total o parcialmente por IA, sen a debida autoría, reelaboración ou aportación intelectual do/a estudante. Lémbrase que as IAs deben ser empregadas con sentido e responsabilidade, limitándose ao apoio na obtención de ideas ou na organización do contido, pero en ningún caso pode substituír á redacción persoal do traballo.
A Memoria Verificada da titulación indica 50 horas de traballo presencial, divididas nas seguintes actividades formativas: explicación dos temas nas sesións expositivas (15 horas), prácticas de seminario (17 horas), titorías (15 horas) e avaliación (3 horas).
Doutra banda, establécense 100 horas non presenciais para a materia, das cales 40 deben destinarse ao estudo e 60 á elaboración de informes e traballos. Semanalmente, as tres horas lectivas (CLE e CLIS) deberían supoñer, polo menos, entre 6 e 7 horas de estudo e traballo fóra da aula.
Para un axeitado seguimento da materia recoméndase encarecidamente a asistencia continua e participativa a clase, a realización das tarefas encomendadas fóra da aula (lecturas de materiais e de apuntamentos, estudo, elaboración de traballos escritos…), así como a consulta regular da aula virtual.
Do mesmo xeito, é importante que o estudantado consulte semanalmente a programación de clase, dispoñible na aula virtual desde o inicio da materia, para estar ao tanto dos temas e prácticas que se irán abordando nas sesións expositivas e interactivas, especialmente aqueles/as estudantes que se atopen en situación de dispensa de asistencia ou exención de docencia.
É recomendable tomar apuntamentos durante as clases, xa que o contido explicado na aula, incluso o que non apareza nas diapositivas, tamén é obxecto de exame. Calquera dúbida debe ser exposta ás docentes sen demora na aula, nos foros habilitados na aula virtual ou nunha titoría. O estudantado ten dereito a empregar o espazo e tempo de titorías dentro dos horarios establecidos polas profesoras.
Así mesmo, e dada a amplitude e complexidade dos contidos que se abordan na materia, recoméndase a elaboración de mapas conceptuais e resumos que axuden a organizar e sintetizar a información, que se poden complementar con cronogramas ou liñas do tempo das diferentes épocas históricas.
Suxírese que iso veña acompañado da consulta de manuais de Historia da Educación e da lectura do material complementario co que se acompaña cada tema na aula virtual. Ademais, lémbrase a importancia de realizar as lecturas previas antes dunha sesión cando así o indiquen as profesoras, o cal contribuirá a unha comprensión máis profunda dos temas tratados e facilitará a participación activa nas clases.
Doutra banda, na aula debe participarse de maneira razoada e respectuosa, aludindo sempre ás opinións dos/as demais desde o diálogo e o respecto mutuo. Ningunha idea é errónea mentres se argumente desde o razoamento lóxico. Por tanto, a aula representa un espazo no que todas as opinións poden ser discutidas e analizadas de maneira construtiva.
Finalmente, un dos requisitos da materia é o desenvolvemento dunha actitude reflexiva e crítica ao redor dos contidos da materia. A Historia da Educación require dunha capacidade de reflexión e deconstrución das narrativas históricas, analizando as estruturas, os contextos, as perspectivas e as realidades complexas e multifacéticas desde as cales se construíu o coñecemento educativo. Tórnase necesario cuestionar as visións dominantes e comprender como as circunstancias sociais, políticas e culturais influíron no desenvolvemento das ideas educativas ao longo do tempo. Con este enfoque crítico, preténdense visibilizar aspectos e grupos esquecidos ou ignorados na historia.
Indícanse a continuación outra serie de cuestións que son obrigatorias para a materia.
RESPONSABILIDADE AMBIENTAL:
Por sentido de coidado e de responsabilidade coa contorna natural e humana, a entrega de todos os traballos e prácticas realizarase a través do Campus Virtual.
PERSPECTIVA DE XÉNERO E ANTIRRACISTA:
Tanto no traballo cotián da aula como nos distintos traballos da materia é obrigatorio o uso dunha linguaxe non sexista, entendida como unha linguaxe igualitaria e non excluínte que permita visibilizar ás mulleres. Para iso, o estudantado pode empregar o desdobramento léxico, termos abstractos e xenéricos e outras fórmulas que se indican na Guía de linguaxe non sexista da USC: https://assets.usc.gal/sites/default/files/paragraphs/more_info_service…
De igual forma, debe empregarse unha linguaxe inclusiva e antirracista que respecte a diversidade cultural e étnica e que permita visibilizar as realidades de distintos grupos, evitando perpetuar estereotipos e discriminación.
MODELO DE CITACIÓN:
Nas prácticas e traballos da materia débense seguir obrigatoriamente as normas APA 7ª edición. Poden consultarse en http://www.apastyle.org ou nos exemplares da Biblioteca da Facultade.
COMUNICACIÓN COAS DOCENTES:
A comunicación coas docentes debe realizarse exclusivamente a través do correo electrónico institucional (@rai.usc.es para o estudantado; @usc.es para as docentes).
FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS:
É obrigatorio o emprego das ferramentas electrónicas institucionais, como o Campus Virtual, Microsoft Office 365 e outras ferramentas facilitadas pola Facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola Universidade.
USO DE DISPOSITIVOS MÓBILES:
Non se permite o uso de móbiles, tablets e ordenadores, agás cando se empreguen como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polas docentes. Neste senso, o estudantado responsabilizarase das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun uso non adecuado dos mesmos.
PRIVACIDADE DO PROCESO DE ENSINO-APRENDIZAXE:
O proceso de ensino-aprendizaxe é privado e, por tanto, así debe entenderse a comunicación e intercambio de información entre as docentes e o estudantado matriculado na materia. Todos os materiais proporcionados polas profesoras son para uso exclusivo e privado do estudantado e, en consecuencia, queda prohibida a súa distribución en outros medios.
PROTECCIÓN DE DATOS:
Ao longo do desenvolvemento da materia será obrigatorio o cumprimento da normativa de protección de datos, que pode consultarse en https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
No marco desta normativa, lémbrase que quedan prohibidas as gravacións na aula e nas titorías, así como as fotografías na aula, ás probas de avaliación e aos materiais privados das docentes. O estudantado responsabilizarase das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse destas accións.
Gabriela Dolores Miguez Salina
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Correo electrónico
- gabriela.miguez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Anais Quiroga Carrillo
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 881813890
- Correo electrónico
- anais.quiroga.carrillo [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Axudante Doutor LOSU
Martes | |||
---|---|---|---|
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_03 | Galego, Castelán | AULA 4-5 (CAMPUS VIDA-Módulo C2) |
Xoves | |||
09:00-10:30 | Grupo /CLIS_02 | Galego, Castelán | AULA 10-11 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_01 | Castelán, Galego | AULA 10-11 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
27.05.2026 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
08.07.2026 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |