A Aula de Produtos Lácteos desenvolverá coa cooperativa Amarelante bebidas vexetais derivadas da castaña

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC colabora xunto co Centro Tecnolóxico da Carne nun proxecto salientable para Galicia que promove e coordina a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante e que está orientado ao desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña. O obxectivo último desta nova iniciativa de I+D+i, que terá unha duración de tres anos e que conta con financiamento de fondos europeos a través do Feader ao abeiro do programa de desenvolvemento rural de Galicia (2014-2020, é o deseño e a elaboración de bebidas vexetais derivadas da castaña.
A finalidade principal do proxecto no que van traballar conxuntamente estas tres entidades continúa a liña do obxectivo fundacional da cooperativa Amarelante, cuxo cometido principal pasa pola recuperación de soutos en estado de abandono para reactivar a produción de castañas de calidade en Manzaneda. A comercialización deste produto autóctono co selo de Castañas de Galicia e a elaboración de produtos con valor engadido, neste caso bebidas vexetais, constitúen outros dos propósitos da SCG Amarelante.
Primeiros pasos
O proxecto ‘Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña’ comezará a dar os seus primeiros pasos nas próximas datas e os traballos previstos prolongaranse durante un período de tres anos. Durante o horizonte temporal deste proxecto, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC ocuparase da planificación das receitas dos novos produtos, así como do estudo e da aplicación dos tratamentos tecnolóxicos axeitados para, por un lado, conseguir produtos de calidade desde o punto de vista nutricional e tamén sensorial, e por outro, aumentar a súa vida útil.
O persoal da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, unha plataforma científico-tecnolóxica da USC que vén de ser distinguida na última edición dos Premios Galicia Alimentación promovidos polo Clusaga, xa conta con probada experiencia no deseño e no desenvolvemento de alimentos funcionais e enriquecidos, xa por iniciativa propia ou ben no marco do actuacións contratadas ou en colaboración con empresas e entidades.
Daquela, o compoñente tecnolóxico e ao asesoramento científico que prestará a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC no marco deste proxecto liderado pola SCG Amarelante, abrangue múltiples tarefas e accións que van desde a elaboración e deseño das receitas dos novos produtos, a aplicación dos tratamentos térmicos de fabricación e mesmo a realización dos labores de caracterización analítica nutricional, sensorial e de propiedades físicas. Alén destes procesos previos á saída ao mercado da nova bebida vexetal, a APLTA da USC tamén se encargará de estudar a evolución dos produtos ao longo da súa vida útil a través da análises de todos os resultados obtidos.
O desenvolvemento deste proxecto de I+D+i ofrece novas alternativas para o traballo que vén realizando a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante no que se refire a tarefas de recuperación dos soutos, limpeza e recollida da castaña, secado e procesado da fariña obtida deste produto... Asemade, a entidade promotora e líder deste proxecto tamén terá unha participación activa na elección do produto final, xa que Amarelante participará nas análises sensoriais dos produtos seleccionados antes da súa saída ao mercado.