Ir o contido principal

Científicos da USC buscan na falta de gravidade do espazo novas dianas terapéuticas a partir de proteínas priónicas

O foco de investigación do equipo da USC é a bioquímica de prións
O foco de investigación do equipo da USC é a bioquímica de prións
O equipo que dirixe Jesús Requena e que traballa en dilucidar a estrutura das moléculas infecciosas que están detrás de enfermidades neurodexenerativas letais ou das encefalopatías esponxiformes transmisibles, participará nunha misión na Estación Espacial Internacional en 2022
Santiago de Compostela

A investigación espacial convértese nunha nova xanela de acceso aos avances biomédicos do grupo Molecular  Pathology  of  Rare  Diseases, pertencente ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS). O equipo que dirixe Jesús Requena e que traballa en dilucidar a estrutura dunhas moléculas altamente infecciosas denominadas prións coa intención de combatelas, participará nun consorcio internacional formando parte da misión espacial  Axiom, que se desenvolverá a comezos de 2022 na Estación Espacial Internacional.

 “Levar ao espazo exterior na Estación Espacial Internacional o que aínda non se logrou na Terra ofrécenos oportunidades inmensas para avanzar no deseño racional de fármacos máis efectivos e dirixidos”, explica o investigador da USC Jesús Requena. “O experimento  ZePrion comprobará se, en ausencia de gravidade, é posible obter unha proba de concepto con potencial farmacolóxico diverso a partir da proteína  priónica, a proteína precursora dos  prións, pero que non é infecciosa e permite traballar con ela sen ningún risco para a tripulación”, engade Requena.

A idea de base é un algoritmo de modelización molecular que permite identificar estados de pegamento intermedio das proteínas. Así, unha vez identificado este estado pódese facer un filtrado  in  silico para atopar agonistas das proteínas que ao unirse a este estado interfiren co pegamento e levan a proteína á súa destrución. A investigación, probada en proteínas priónicas, precursoras dos prións, ofrece un horizonte esperanzador non só neste campo senón para o desenvolvemento de fármacos en xeral.

Perigosas infeccións

O foco de investigación do equipo da USC é a bioquímica de  prións. Os  prións  PrPSc causan enfermidades neurodexenerativas letais e as encefalopatías esponxiformes transmisibles. Fixéronse famosos durante a crise europea da enfermidade das vacas tolas. “O noso obxectivo é dilucidar a estrutura dos  prións  PrPSc que, na nosa opinión, teñen a clave para comprender como se propagan e deseñar  racionalmente os fármacos para combatelos”, apunta Jesús Requena. Este fito espacial permite ao grupo abrir novas posibilidades de investigación no campo dos  prións, unha liña que centra o seu traballo desde hai anos e que conseguiu ata o momento algúns resultados satisfactorios.

A misión Axiom, a primeira de carácter privado na historia da exploración espacial, integra a  submisión que dá soporte ao experimento do grupo da USC. Trátase da misión Rakia, 100% israelí na que, ademais da Fundación  Keren  Ramon como promotora, participan a Universidade de Tel Aviv, a empresa  SpacePharma e a Israel Creutzfedt-Jakob  Foundation. O Instituto CIBIO da universidade italiana de  Trento colabora tamén nesta iniciativa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2021.