Científicos da USC buscan na falta de gravidade do espazo novas dianas terapéuticas a partir de proteínas priónicas

A investigación espacial convértese nunha nova xanela de acceso aos avances biomédicos do grupo Molecular Pathology of Rare Diseases, pertencente ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (
“Levar ao espazo exterior na Estación Espacial Internacional o que aínda non se logrou na Terra ofrécenos oportunidades inmensas para avanzar no deseño racional de fármacos máis efectivos e dirixidos”, explica o investigador da USC Jesús Requena. “O experimento ZePrion comprobará se, en ausencia de gravidade, é posible obter unha proba de concepto con potencial farmacolóxico diverso a partir da proteína priónica, a proteína precursora dos prións, pero que non é infecciosa e permite traballar con ela sen ningún risco para a tripulación”, engade Requena.
A idea de base é un algoritmo de modelización molecular que permite identificar estados de pegamento intermedio das proteínas. Así, unha vez identificado este estado pódese facer un filtrado in silico para atopar agonistas das proteínas que ao unirse a este estado interfiren co pegamento e levan a proteína á súa destrución. A investigación, probada en proteínas priónicas, precursoras dos prións, ofrece un horizonte esperanzador non só neste campo senón para o desenvolvemento de fármacos en xeral.
Perigosas infeccións
O foco de investigación do equipo da USC é a bioquímica de prións. Os prións PrPSc causan enfermidades neurodexenerativas letais e as encefalopatías esponxiformes transmisibles. Fixéronse famosos durante a crise europea da enfermidade das vacas tolas. “O noso obxectivo é dilucidar a estrutura dos prións PrPSc que, na nosa opinión, teñen a clave para comprender como se propagan e deseñar racionalmente os fármacos para combatelos”, apunta Jesús Requena. Este fito espacial permite ao grupo abrir novas posibilidades de investigación no campo dos prións, unha liña que centra o seu traballo desde hai anos e que conseguiu ata o momento algúns resultados satisfactorios.
A misión Axiom, a primeira de carácter privado na historia da exploración espacial, integra a submisión que dá soporte ao experimento do grupo da USC. Trátase da misión Rakia, 100% israelí na que, ademais da Fundación Keren Ramon como promotora, participan a Universidade de Tel Aviv, a empresa SpacePharma e a Israel Creutzfedt-Jakob Foundation. O Instituto CIBIO da universidade italiana de Trento colabora tamén nesta iniciativa.