Ir o contido principal

A investigadora Natalia Barreiro, Premio Talento Mozo Galicia

Natalia Barreiro é investigadora do CiQUS
Natalia Barreiro é investigadora do CiQUS
Esta científica do CiQUS da USC acaba de ser recoñecida polo seu traballo no desenvolvemento dunha vacina contra o SARS- CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular desenvolvido no grupo do profesor Martínez Costas
Santiago de Compostela

Natalia Barreiro, investigadora postdoutoral do Centro Singular de Investigación en Química  Biolóxia e  Materiais Moleculares da USC (CiQUS), acaba de ser galardoada co Premio Talento Mozo Galicia 2021 na modalidade Ciencia. Promovido pola Dirección  Xeral de  Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, este galardón recoñece a traxectoria excelente da investigadora no campo da viroloxía molecular. 

O seu traballo estivo centrado no desenvolvemento dunha vacina contra o  SARS- CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular (IC- Tagging) desenvolvido integramente no grupo que dirixe o  profesor José Manuel Martínez Costas. Con este sistema "somos capaces de producir  microesferas  proteicas en diferentes sistemas de expresión e produción de proteínas (bacterias ou células de insecto) nas que podemos cargar proteínas de interese do  SARS- CoV-2, o que nos permite obter un candidato de vacina de tipo  subunitario" explica Natalia sobre o desenvolvemento dun sistema que podería permitir a produción de vacinas de maneira máis rápida e económica. "Este premio é unha forma de recoñecer o esforzo que se fixo e séguese facendo no desenvolvemento da vacina no laboratorio, ademais de que sempre fai ilusión que che concedan un premio polo teu traballo", engade.

O Premio Talento Mozo busca recoñecer as mellores iniciativas da mocidade en Galicia, outorgando visibilidade ao seu talento para que sirva de referente ao conxunto da sociedade. Outras catro persoas foron premiadas xunto a Natalia Barreiro en distintas modalidades: rural, deporte, empresa, cultura e creación. Ademais da distinción honorífica, todos eles recibirán unha dotación de 5.000 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2021.