A investigadora Natalia Barreiro, Premio Talento Mozo Galicia

Natalia Barreiro, investigadora postdoutoral do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxia e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), acaba de ser galardoada co Premio Talento Mozo Galicia 2021 na modalidade Ciencia. Promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, este galardón recoñece a traxectoria excelente da investigadora no campo da viroloxía molecular.
O seu traballo estivo centrado no desenvolvemento dunha vacina contra o SARS- CoV-2 empregando un sistema de etiquetaxe molecular (IC- Tagging) desenvolvido integramente no grupo que dirixe o profesor José Manuel Martínez Costas. Con este sistema "somos capaces de producir microesferas proteicas en diferentes sistemas de expresión e produción de proteínas (bacterias ou células de insecto) nas que podemos cargar proteínas de interese do SARS- CoV-2, o que nos permite obter un candidato de vacina de tipo subunitario" explica Natalia sobre o desenvolvemento dun sistema que podería permitir a produción de vacinas de maneira máis rápida e económica. "Este premio é unha forma de recoñecer o esforzo que se fixo e séguese facendo no desenvolvemento da vacina no laboratorio, ademais de que sempre fai ilusión que che concedan un premio polo teu traballo", engade.
O Premio Talento Mozo busca recoñecer as mellores iniciativas da mocidade en Galicia, outorgando visibilidade ao seu talento para que sirva de referente ao conxunto da sociedade. Outras catro persoas foron premiadas xunto a Natalia Barreiro en distintas modalidades: rural, deporte, empresa, cultura e creación. Ademais da distinción honorífica, todos eles recibirán unha dotación de 5.000 euros.