Otro evento

Ciencia Singular

VI Xornada de Portas Abertas

19-11-2022

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS)

 


VI edición de Ciencia Singular

 

Volve Ciencia Singular, unha das citas máis esperadas do ano polos compostelanos. A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá abrir as súas portas o vindeiro sábado 19 de novembro nunha xornada moi especial que permitirá achegar á cidadanía investigación punteira que se realiza nos centros da rede, así como os retos logrados e por conseguir. A ciencia é cousa de todos, e Ciencia Singular é unha estupenda ocasión para reivindicalo ao grande. Unha celebración que por sexto ano consecutivo fai partícipe á sociedade para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes, e onde se xera un espazo de reflexión colectiva ao redor da ciencia que, por encima de todo, permite tamén pasar unha divertida xornada en familia.

As actividades deste evento, financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades, terán lugar ao longo de toda a xornada do sábado. Para participar nelas será imprescindible realizar inscrición previa na propia web do evento.

Quen visite o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) converteranse en "detectives moleculares" por un día, así que deberán permanecer ben atentos para poder identificar moléculas. Ademais, os visitantes poderán infiltrarse nos laboratorios, coñecer in situ como traballan os científicos do centro e conversar de primeira man con eles sobre desafíos tan interesantes como os materiais grafénicos ou o uso de nano-ferramentas con aplicacións biolóxicas. Os máis pequenos divertiranse xogando con polímeros, observando como brillan algunhas bacterias mediante unha proteína fluorescente, ou aprendendo os segredos da cociña molecular, entre outras sorpresas que se prepararon para a xornada..

Con motivo da celebración do “Ano de Investigación Santiago Ramón e Cajal”, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) organizará, entre outros, un conxunto de talleres de divulgación dedicados ás neurociencias. Ademais, os visitantes poderán acceder ao laboratorio dedicado ao descubrimento temperán de fármacos, e no seu programa de charlas divulgativas abordaranse temas tan interesantes como o autismo, as enfermidades cardiovasculares, a epitranscriptómica ou a que ritmo envellecemos. Os máis pequenos converteranse en verdadeiros científicos observando ao microscopio mostras de células animais e vexetais, aprenderán unha correcta saúde bucodental á vez que elaboran un dentífrico natural, ou a importancia da hixiene mentres fabrican un xabón personalizado.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) mantén a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e acollerá ao longo do día distintas conferencias e visitas guiadas con temáticas tan variadas como o uso de tecnoloxías Big Data para a detección de desinformación médica, ou a exploración interactiva de grandes volumes de datos de observación ambiental. A visita permitirá aos cativos achegarse ás tecnoloxías intelixentes, dándolles a oportunidade de vivir experiencias como manexar un brazo robótico, enfrontarse nun scalextric a coches que aprenden de maneira autónoma, ou descubrir como funcionan pequenos humanoides. Mentres, os maiores poderán tamén experimentar nun marco de Realidade Virtual como é reimaginarse a un mesmo, aos demais e o mundo microscópico que nos rodea.

As charlas divulgativas do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) achegarán ao público os eventos máis extremos do universo, as ondas gravitacionales e os buracos negros, pero tamén ás aplicacións médicas da física e ao corazón da materia. Os talleres permitirán coñecer e detectar en tempo real a radiación que nos chega do espazo, e adentrarse nun laboratorio de aceleración láser, mentres que os pequenos poderán gozar dun divertido espectáculo de experimentos utilizando o método científico. O programa do IGFAE complétase cun conxunto de exposicións autoguiadas, unha delas con motivo do décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs e a outra cunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos en tres dimensións.

Os centros organizadores contan coa acreditación e o financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades Programa de audas para la acreditación, estruturación y mejora de centros de investigación del Sistema Universitario de Galicia (SUG), cofinanciadas polo FEDER (programa operativo Feder Galicia 2014‐2020).

Máis información e programa detallado na páxina web do evento: https://cienciasingular.usc.es/