Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

07/10/2019

José Luis Mascareñas recibe unha das cinco distincións que por primeira vez concede a RAGC, en recoñecemento á traxectoria consolidada de cinco científicos ou científicas que desenvolvan o seu labor en Galicia.


José Luis Mascareñas, Director Científico do CiQUS, vén de ser galardoado cunha das cinco Medallas de Investigación de Galicia, que por primeira vez concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC); un premio destinado a profesionais de prestixio no eido científico que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia, cuxa primeira edición ten lugar en 2019. O acto académico de entrega terá lugar en Santiago mañá 8 de outubro, coincidindo co Día da Ciencia en Galicia.

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) recibe así a Medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC, é considerado un dos responsables da introdución en España da química biolóxica. Foi merecedor dunha Advanced Grant, a axuda de investigación máis prestixiosa do Consello Europeo de Investigación (ERC). Conta tamén coa Medalla de Ouro da Real Sociedad Española de Química, institución que lle encomendou a fundación do Grupo Especializado de Química Biolóxica.  No ano 2017 ingresou como novo membro na Real Academia Europea de Ciencias (EURASC).

Celebrar a ciencia

A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

Neste marco, no acto académico de mañá homenaxéase a figura de Tomás Batuecas, o primeiro catedrático de Química Física en España, habilitada na USC en 1932. Coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa periódica, a RAGC recupera e difunde a figura deste referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. Mañá pola mañá, o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha placa na súa honra, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores. Ademais, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado de Batuecas.