Novo asedio á beta amiloide, proteína clave do Alzheimer

19/04/2021
  • Investigadores do CiQUS da USC deseñan unha nanopartícula que, administrada a ratos na fase inicial da enfermidade, consegue previr a perda de memoria.
  • O estudo acaba de ser publicado na prestixiosa revista ACS Nano.

 

Imaxe: Eduardo Fernandez-Megia, Roi Lopez-Blanco & Juan Correa | CiQUS

 

Referencia

María Eugenia Navas Guimaraes, Roi Lopez-Blanco, Juan Correa, Marcos Fernandez-Villamarin, María Beatriz Bistué, Pamela Martino-Adami, Laura Morelli, Vijay Kumar, Michael F. Wempe, A. C. Cuello, Eduardo Fernandez-Megia, and Martin A. Bruno. Liver X Receptor Activation with an Intranasal Polymer Therapeutic Prevents Cognitive Decline without Altering Lipid Levels. ACS Nano 2021 15 (3), 4678-4687
DOI: 10.1021/acsnano.0c09159

 


 

A acumulación de beta amiloide no cerebro é un coñecido precursor da enfermidade de Alzheimer. Antes de que aparezan os primeiros síntomas, estes depósitos van formando placas entre as neuronas que resultan tóxicas e son responsables da progresiva deterioración cognitiva. Científicos do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), en colaboración con investigadores da Universidade Católica de Cuyo (Arxentina), acaban de deseñar un polímero capaz de reducir os niveis deste péptido sen producir efectos adversos. Estudos preclínicos demostraron que este tratamento, administrado en fases temperás da patoloxía, contribúe a previr a perda de memoria.

Para drenar o exceso de beta amiloide no cerebro, a apolipoproteína E (ApoE) resulta clave. O DMHCA é unha substancia estruturalmente similar ao colesterol capaz de activar os receptores que inducen a expresión de ApoE, sen afectar os niveis de colesterol e triglicéridos. Pero ten unha limitación: a súa baixa solubilidade impídelle atravesar a membrana hematoencefálica que envolve o tecido cerebral. "A nosa hipótese era que a unión controlada de DMHCA a un polímero favorecería a formación dun copolímero anfifílico con gran tendencia a formar micelas, de forma similar a como fai o xabón" explica Eduardo Fernández Megía, investigador principal no CiQUS e coautor do estudo. Previamente, o seu grupo participou con éxito no desenvolvemento de nanopartículas capaces de atravesar a barreira hematoencefálica para tratamento de infarto cerebral. Nesta ocasión a proposta dos investigadores foi “desenvolver micelas poliméricas a partir de copolímeros dendríticos aos que uniriamos DMHCA de forma covalente, non mediante unha simple encapsulación" sinala Fernández Megía.

Os estudos levados a cabo en células con cultivos primarios demostraron que as micelas eran capaces de internalizar neuronas e astrocitos. Posteriormente, os colaboradores arxentinos administraron as micelas por vía nasal a ratos transxénicos e confirmaron que a produción ApoE aumentaba á vez que diminuía a presenza de beta amiloide, evitando a perda de memoria sen afectar os niveis de colesterol e triglicéridos en sangue. Os autores consideran que os resultados desta investigación, que acaban de ser publicados na revista ACS Nano, posibilitarán novos desenvolvementos clínicos ao redor da administración de DMHCA para a prevención do alzhéimer.