Esta semana celébrase en Finlandia a reunión de lanzamento de BIOMAPS (BIO-intelligent Manufacturing of Multifunctional Bio-based Polymer Systems), un ambicioso proxecto europeo financiado polo programa Horizon Europe. Ao longo dos próximos tres anos, BIOMAPS desenvolverá unha nova xeración de plásticos biodegradables de altas prestacións, producidos mediante procesos biotecnolóxicos avanzados e deseñados para aplicacións industriais esixentes.
O proxecto céntrase no desenvolvemento de plásticos obtidos a partir da fermentación bacteriana —coñecidos como PHAs— que, mediante vitrimerización química, adquiren propiedades avanzadas como a autorreparación, maior estabilidade térmica e química, e a capacidade de ser reciclados quimicamente. Estas características permitirán a súa adaptación a diversos sectores industriais, ofrecendo unha alternativa viable e sustentable aos plásticos derivados do petróleo.
Na Universidade de Santiago de Compostela, o proxecto está representado por Massimo Lazzari, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), quen —xunto con Ana María Otero e Manuel Romero do Instituto iARCUS— lidera un dos paquetes de traballo principais do proxecto. O seu equipo estudará o comportamento dos novos materiais en condicións reais de degradación e traballará no desenvolvemento de métodos para recuperar monómeros útiles a partir de residuos plásticos, empregando tanto encimas especializadas como consorcios bacterianos adaptados. Parte destes ensaios realizaranse en biorreactores deseñados polo propio equipo, combinando técnicas microbiolóxicas e espectroscópicas avanzadas.
O consorcio BIOMAPS, que conta cun financiamento de arredor de 5 millóns de euros, está coordinado polo centro tecnolóxico finlandés VTT e integra once socios de oito países europeos. Entre eles figuran institucións académicas e centros de investigación como o Politécnico de Turín, a Universidade de Turku, a Universidade de Sassari e a propia USC, así como empresas innovadoras como BIOPLASTECH (Irlanda), INURU (Alemaña), STRANE Innovation (Francia) e o fabricante automobilístico STELLANTIS, a través da súa marca OPEL. O proxecto combina coñecemento científico e experiencia empresarial para acelerar o desenvolvemento e adopción de materiais máis seguros e sostibles. Esta colaboración entre academia e industria é clave para levar os resultados da investigación ao seu uso real no mercado.
O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Miembros do proxecto durante o Kick-Off Meeting | Foto: BioMaps