Internalización celular de péptidos dirixida por complexos de paladio

10/01/2018

Investigadores do CiQUS publicaron na revista JACS un artigo que describe o deseño e preparación de péptidos que se unen ao ADN de forma selectiva e reversible, en función da presenza de determinados complexos de paladio. Ademais este metal tamén é capaz de promover a súa internalización celular.


O grupo de investigación METBIOCAT, dirixido polo profesor J.L. Mascareñas, en colaboración co profesor E. Vázquez-Sentís (Grupo BioMetal), publicou na revista JACS (Metal-Dependent DNA Recognition and Cell Internalization of Designed, Basic Peptides, J. Am. Chem. Soc., 2017, 139, 16188) a primeira demostración do uso de metais para regular procesos de transporte celular, unha táctica que podería permitir aplicacións importantes en biomedicina e no campo da administración controlada de fármacos.

Ademais, o grupo de investigación demostrou que o paladio tamén pode usarse para modular a interacción destes péptidos básicos con rexións específicas de ADN. Isto débese a que a presenza do metal favorece unha pre-organización en alfa-hélice do péptido, e con iso unha mellor interacción. O proceso de unión pódese activar e desactivar a vontade, simplemente xogando con aditivos externos.

Estes resultados do artigo sintan as bases para desenvolver ferramentas químicas para controlar de forma predecible distintas actividades celulares.

O traballo foi levado a cabo principalmente pola estudante de doctorado Soraya Learte, co apoio de Jessica Rodríguez e a estudante postdoctoral Natalia Curado, dirixidas polos profesores Mascareñas e Vázquez-Sentís.