O obradoiro reunirá a investigadores de centros como o CNIC, o biomaGUNE ou o propio CiQUS.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CiQUS-USC) organiza a II Edición do Taller en Biomateriais e Aplicacións ‘biomAPP17’, un encontro dirixido a mozos investigadores que se celebrará no centro entre os días 27 e 28 de abril e que pretende fomentar o fluxo de coñecemento e estreitar lazos científicos con outros centros de investigación.
O principal obxectivo de bioMAPP17 é proporcionar a estudantes en etapas avanzadas de doutoramento ou recentemente acreditados como postdocs unha excelente oportunidade para presentar a súa investigación e adquirir experiencia en conferencias académicas, cara ao traballo en rede e o intercambio de ideas.
«Polo xeral, os investigadores novos non teñen moitas oportunidades de presentar as súas investigacións en congresos e obradoiros a través dunha comunicación oral, xa que estas adoitan estar reservadas a investigadores con máis experiencia», afirma o investigador postdoutoral do CiQUS Pablo del Pino, membro do Comité organizador. «Cremos que estas xornadas son fundamentais na súa formación, porque lles dan a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos».
Trala súa primeira edición no País Vasco –organizada polo CIC biomaGUNE-, este encontro mantén a súa aposta por facilitar a doutorandos e mozos investigadores a posibilidade de defender os seus proxectos a través de charlas e intervencións orais; ademais, bioMAPP17 contará con relatores convidados de primeiro nivel, como o Profesor José Luis Mascareñas (Director do CiQUS) ou os investigadores Jesús Ruiz Cabello (Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III - CNIC) e Miguel A. Correa Duarte (Universidade de Vigo).
Entre as áreas de especialización propostas nesta nova edición cómpre salientar os Materiais Biofuncionais, as Biosuperficies, a Imaxe Molecular, a Terapia e o Diagnóstico ou Detección e Catálise.
Coa celebración deste workshop os organizadores non só esperan impulsar o intercambio de coñecemento, senón tamén a interacción con investigadores doutros centros e a posibilidade de que se establezan colaboracións internacionais: «o noso obxectivo é contribuír a que os asistentes establezan contacto, procuren sinerxias con outros colegas que non necesariamente traballen no seu mesmo campo e, sobre todo, que acaden experiencia na comunicación científica e divulgación dos seus resultados", conclúe Del Pino.