Unha investigación conxunta do CiQUS con CIC nanoGUNE, CFM e DIPC permite modificar a vontade as propiedades físicas das GNRs.
Coñecidas como GNRs polas súas siglas en inglés ('Graphene Nano Ribbons'), as «tiras de grafeno» atraeron nos últimos anos un crecente interese no eido da nanotecnoloxía, ante o seu potencial uso como compoñentes de dispositivos electrónicos a escala molecular. Algúns científicos auguran xa mesmo que o próximo gran salto tecnolóxico producirase como consecuencia da transformación da electrónica tal e como a coñecemos ata o de agora, abandonando o silicio para dar paso á electrónica do carbono: toda unha revolución na que compostos como o grafeno xogarán un papel fundamental.
No camiño á nova era preséntanse retos clave, como é a capacidade de manipular estas GNRs de maneira eficiente para dotalas de diferentes propiedades electrónicas. Unha liña de traballo de máxima actualidade, á que a revista ACS Nano acaba de dar visibilidade publicando os logros dun equipo mixto formado por investigadores do CiQUS, CIC nanoGUNE, CFM (Centro de Física de Materiais CSIC-UPV/EHU) e DIPC (Donostia International Physics Center). No traballo, os científicos describen novos avances na modulación destas propiedades mediante manipulación química na periferia das GNRs; introducindo diferentes grupos funcionais –concretamente grupos nitrilo (CN)– os investigadores demostraron que estos sobreviven ás condicións de preparación das GNRs sobre superficies metálicas, un adianto que permitirá desenvolver a demanda materiais baseados en grafeno en función da aplicación requirida.
O estudo, financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través do proxecto FunMolDev e a Unión Europea ('proxecto PAMS'), contou coa participación dos investigadores do CiQUS Diego Peña (corresponsable do traballo) e o doutorando Manuel Vilas-Varela, encargado da síntese dos monómeros para a preparación das GNRs.