Concedidas as 15 Bolsas de Verán 2017 do CiQUS

01/06/2017

O CiQUS fai pública a relación de aspirantes seleccionados para participar no Programa de Bolsas de Verán do centro, que na presente edición recibiu máis dun centenar de candidaturas de oito países diferentes.


O CiQUS resolveu a convocatoria das súas III Bolsas de Verán, un programa que, como en anos anteriores, habilitará a 15 estudantes de grao procedentes de diferentes universidades españolas para desenvolver unha estancia formativa de inicio á investigación no centro ao longo do vindeiro mes de xullo.

Ata 102 estudantes participaron no proceso de selección, procedentes de 43 universidades de 8 países distintos: España, Italia, Portugal, Serbia, Taiwan, México, Colombia e Costa Rica. De todas elas, máis do 30% eran estranxeiras (14 de 43), o que demostra o grao de competitividade e excelencia da iniciativa de formación promovida desde o CiQUS.

Os alumnos seleccionados incorporaranse á actividade diaria do centro e traballarán de 4 a 6 semanas nun dos grupos de investigación, pautados por equipos científicos de excelencia nunhas instalacións de primeiro nivel. Con todo, a súa condición de membros do equipo científico permitiralles participar nas actividades organizadas polo CiQUS, como os relatorios impartidos por investigadores de recoñecido prestixio internacional ou os distintos seminarios internos.

A Resolución oficial das Bolsas de Verán 2017 do CiQUS está dispoñible para a súa descarga en formato pdf.