Coincidindo coa apertura do curso 2017-2018, o CiQUS ofrece 10 contratos a tempo parcial a estudantes que desenvolvan o seu TFM no centro.
A sexta edición do Programa de Inicio á Investigación do CiQUS promoverá durante o curso académico 2017-2018 dez contratos a tempo parcial en liñas de actuación definidas dentro do proxecto estratéxico científico 2016-2019 do CiQUS, dirixidos a novos estudantes que vaian desenvolver o seu traballo de fin de mestrado (TFM) baixo a dirección dun investigador adscrito ao centro.
Os alumnos seleccionados traballarán nas liñas de investigación desenvolvidas polos distintos grupos do CiQUS, entre as que se inclúen a síntese, o illamento, a caracterización ou o estudo experimental e teórico de compostos químicos, biomoléculas e materiais -entre outras liñas temáticas.
Para participar no proceso é necesario cumprimentar o formulario web habilitado na sección de 'Ofertas'. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o venres 6 de outubro ás 14:00. Toda a información sobre estes contratos, así como a documentación requirida para a presentación de candidaturas, pode consultarse na Convocatoria oficial da VI Edición do Programa de Inicio á Investigación do CiQUS.
Co aval dos expertos
Segundo o ranking anual do diario El Mundo, publicado en base ás opinións de expertos dos sectores académico e empresarial, os mestrados ofertados polo CiQUS sitúanse entre os mellores estudos de posgraduado dispoñibles en España na actualidade. Así, o Mestrado en Química Orgánica, organizado de forma conxunta entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM) figura como a mellor opción nacional na área da Química e a segunda dentro da categoría global Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas; unha formación de posgraduado de especial implicación para o centro, xa que a práctica totalidade dos proxectos de fin de mestrado desenvolvidos na USC nesta disciplina teñen lugar no marco de traballo dos grupos de investigación do CiQUS.
Ademais, o Mestrado de Química Teórica e Modelización Computacional, que aglutina a 14 universidades españolas e un consorcio de 11 universidades estranxeiras, consolídase na terceira praza do ranking, mentres que o Mestrado en Investigación e Desenvolvemento do Medicamento da USC mantense na terceira posición do ranking na categoría de Farmacia, afianzándose como referencia na área biomédica.